A AP-1, sen peaxes, mentres a AP-9 continúa coas subas

[Imaxe: SG] A AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela

A autoestrada AP-1 é, desde este sábado, libre de peaxes e a súa xestión e conservación fica a cargo do Estado. A AP-9, da mesma época que a AP-1, continuará en mans privadas.

Máis un agravio comparativo para Galiza. Desde este sábado a AP-1, que une Burgos e Armiñón en 84 quilómetros, é de uso gratuíto para as persoas usuarias e a súa xestión e conservación corre desde xa a cargo do Ministerio de Fomento. A A9-9, da mesma época que a AP-1, seguirá sufrindo o encarecemento das tarifas ao continuar en mans privadas.

 

Nun comunicado de imprensa, o Goberno de Pedro Sánchez informa que levantará as peaxes das autoestradas “a medida que venzan as concesións, como xa aconteceu na AP-1 e como está previsto que suceda na AP-7 Tarragona-Alacant e na AP-4 de Sevilla-Cádiz a partir do 31 de decembro do próximo ano”.

 

O compromiso do Goberno do PSOE é que as concesións cuxo prazo remate na presente lexislatura non se van prorrogar nin se van voltar a licitar, “as xestións das infraestruturas pasarán a mans da Administración e deixarán de xestionalas concesións privadas”. Porén, non está nos seus plans o resgate da AP-9, cuxa concesión remata aínda en 2048.

 

O Consello de Ministras tamén decidiu aprobar un real decreto polo que fica traspasada ao Goberno vasco a titularidade da AP-1 libre de peaxe nos seus últimos seis quilómetros.

 

A AP-9, unha bicoca

 

Desde a súa posta en servizo en 1979, os 220 quilómetros de autoestrada que unen Ferrol e Tui xeraron máis de 2.700 millóns de euros, cando os seus custos de construción non chegaron aos 1.500 millóns. Anualmente factura ao redor de 140 millóns, o que explica o interese dos fondos estranxeiros, metidos nunha lea polo control da matriz que xestiona a AP-9.

 

Os beneficios de 2017 superaron os 40 millóns de euros e todo apunta a que superarán esa marca cando finalice 2018, ano que se iniciou cunha suba nas peaxes do 1,9%. Porén, no acumulado do ano o encarecemento será do 8%, pois en novembro voltaron a aumentar outro 2% -o 1% para compensar as obras en Rande e na circunvalación de Compostela e outro tanto, 1%, polas bonificacións nos traxectos entre Pontevedra e Vigo- e prevese que volten a facelo en xaneiro de 2019.

 

Na actualidade, percorrer a autoestrada de Ferrol a Tui custa 21 euros só en peaxes, cando en 2010 non chegaba a 14,5 euros.