Aparece o cadáver dun mozo que se precipitara ao mar no Náutico de Vigo

Vista do Náutico de Vigo (Foto: Turismo da Galiza).
No operativo participaron membros de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, o Servizo de Gardacostas da Galiza, Garda Civil, Policía Nacional e Local, e efectivos da Autoridade Portuaria de Vigo.

Efectivos de Emerxencias rescataron nas últimas horas o cadáver dun home novo que se precipitou ao mar na zona do Náutico, en Vigo, segundo confirmou o CIAE 112-Galiza e fontes policiais.

Así, estas fontes explicaron que, tras recibirse a alerta, pouco antes das 23.30 horas desta terza feira, estabeleceuse un dispositivo de procura desa persoa por terra, mar e ar.

No operativo participaron membros de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, o Servizo de Gardacostas da Galiza, Garda Civil, Policía Nacional e Local, e efectivos da Autoridade Portuaria de Vigo.

Gardacostas mobilizou o helicóptero Pesca 1 e, por mar, tamén estivo a traballar o buque de Salvamento Marítimo María Pita.

Ao operativo sumouse un equipo de mergulladores, que foi o que finalmente logrou recuperar o cadáver, pouco antes da 1 da madrugada.

Rescate en Riazor

Por outra parte, o CIAE 112 Galiza tamén informou doutra intervención a pasada madrugada. Sobre as 2.20 horas o servizo de Emerxencias recibiu un aviso dun home, que alertaba de que unha amiga súa se metera no mar na praia de Riazor (A Coruña), á altura dunha zona de discotecas.

O 112 pediu a intervención de Urxencias Sanitarias-061, de Salvamento Marítimo, de Gardacostas, Bombeiros da Coruña, Policía Local e Nacional, e Protección Civil.

Dous particulares que se achaban na zona puideron sacar da auga a muller, que foi atendida no lugar por persoal sanitario e logo trasladada en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).