Aparece o corpo da rapaza afogada no Orzán

Imaxe da praia do Orzán na Coruña.

Dez días despois da súa desparición na praia do Orzán, na Coruña, o mar devolveu o cadáver de Andrea Domínguez Corral, a moza ourensá de 22 anos. Unha embarcación dos bombeiros localizou o corpo nun lugar moi próximo a onde foi vista por última vez a sexta feira de Pascua.
 

A alerta deuna despois da dez mañá un policía local que camiñaba polo paseo marítimo coruñés á altura do hotel Riazor. O barco dos bombeiros, un dos efectivos que, desde o pasado 30 de marzo, andaban á busca da rapaza, recolleu o cadáver no mar, que foi trasladado ao Complexo Hospitalario da Coruña.

 

O Concello da Coruña -por meio da responsábel de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga- afirmou que non confirmará a identidade do cadáver até receber o informe forense.