Aparece o corpo dunha muller nas augas da Coruña

Contorna da Torre de Hércules (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Axentes da Policía Local atoparon na mañá de hoxe o cadáver dunha muller que flotaba no mar nas proximidades do acuario herculino.

Axentes da Policía Local da Coruña atoparon na mañá deste domingo o cadáver dunha muller que flotaba no mar nas proximidades do acuario e a Torre de Hércules.

Segundo informou o 112 Galiza, os axentes deron aviso deste achado á central de emerxencias ás 09.05 horas.

Así, activouse un operativo para o seu rescate, do que formaron parte Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas da Galiza, o grupo acuático dos Bombeiros da Coruña e os axentes da Policía Nacional e Local.

Os membros do Grupo de Rescate Acuático dos Bombeiros da Coruña recuperaron o corpo.

A continuación, foi trasladado a terra a bordo dunha embarcación de Salvamento Marítimo, a Salvamar Betelgeuse.

As forzas da orde traballan para esclarecer as circunstancias do suceso.

Segundo informou El Ideal Gallego, a roupa da muller, veciña do barrio de Monte Alto, apareceu nunha praia próxima, As Lapas.