Aparecen unha granada e nove foguetes da Guerra Civil nunha vivenda de Noia

Artefactos explosivos que apareceron nunha vivenda de Noia. (Foto: Garda Civil)
Os 10 artefactos explosivos foron desactivados de forma controla nunha canteira noiesa.

Os Técnicos Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos (Tedax) da Garda Civil, en colaboración con axentes de Noia (comarca homónima), desactivaron unha granada de morteiro e nove foguetes atopados nesta localidade.

Foi un particular o que chamou á Garda Civil para informar de que, mentres realizaba a limpeza do rocho do seu defunto avó, localizara unha granada de morteiro, tipo Valero, de 50 mm de calibre, correspondente ao tempo da Guerra Civil no Estado español, así como nove foguetes en mal estado de conservación.

Tras recibir a información, unha patrulla desprazouse ao lugar para verificar a situación. Posteriormente, o equipo especializado Tedax da Coruña fíxose cargo da incidencia e procederon á desactivación controlada dos 10 artefactos nunha canteira da mesma localidade.

A Garda Civil aproveitou estes feitos para facer un chamamento á cidadanía para que non manipule obxectos sospeitosos e, en caso de atopar artefactos que poidan ser perigosos, informe de inmediato ás forzas de seguridade.