Aparecen manchas no río tras pedir o Concello de Noia "cautela no uso e consumo de auga"

Manchas brancas no río Vilacoba, en Noia, a escasos metro da confluencia coa ría (Foto: Nós Diario).
A situación preocupa en toda a comarca pola afectación das verteduras sobre os bancos marisqueiros.

Esta segunda feira, o Concello de Noia emitía un aviso á poboación da localidade "ante un episodio de posíbel de contaminación por arrastre no río" a través das súas redes sociais.

Por este motivo, desde o Goberno municipal recomendouse "cautela no uso e consumo da auga", así mesmo, as autoridades municipais solicitaron axuda para difundir esta alerta.

Despois desta comunicación por parte do Concello de Noia, a veciñanza do municipio advertiu na mañá desta terza feira a través de distintas redes sociais dun forte cheiro e turbidez na auga que saía da billa das súas casas.

Así mesmo, distintas imaxes e vídeos amosan como o caudal do río Vilacoba ao seu paso polo centro do municipio, a escasos metros da súa confluencia coa ría de Muros e Noia, baixaba cunhas manchas brancas na noite entre a segunda feira e a terza feira.

Trátase do segundo episodio semellante en menos de dous meses, xa que na última fin de semana de marzo, en plena Semana Santa, a localidade de Noia xa viviu tamén un episodio de fortes cheiros e turbidez na auga que saía das billas das casas.

Bancos marisqueiros

A contaminación coa que baixa o caudal do río Vilacoba non só preocupa polo consumo de auga nas casas, nin só en Noia. É unha situación que tamén preocupa en toda a comarca, pola afectación que poida ter sobre os bancos marisqueiros da ría de Muros e Noia, os máis importantes de Europa na extracción berberecho e ameixa, e que acumulan meses de inactividade pola mortaldade do bivalvo.

Precisamente, esta segunda feira, o patrón maior da confraría de Noia, Santiago Cruz, participou nunha manifestación en Ribeira (O Barbanza) a prol do saneamento e a rexeneración das rías. "Estamos aquí para defender as rías. Pedimos á Consellaría do Mar e á Xunta da Galiza que fagan un plan de eliminación de verteduras en todas as rías", explicaba.

"Cando van facer algo? As rías cada vez producen menos e a xente que vivimos delas non temos recursos. As axudas xa sabedes como foron, e houbo un 40% que non cumpría os requisitos. O ano pasado tan só fomos oito días ao mar", sinalou. "Hai un desleixo total", concluíu.

Alertan dunha vertedura de fecais en Cambados

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) denunciou esta terza feira publicamente "a vertedura ao mar de fecais" procedentes da estación de depuración de augas residuais (EDAR), realizada en Cambados (O Salnés)como consecuencia dos problemas do saneamento e autorizada pola Xunta da Galiza.