Aparecen novos contedores incendiados na Coruña noutra xornada de folga con lixo nas rúas e sen acordo

Nova xornada de acumulación de lixo nos contedores da Coruña. (Foto: Europa Press)
O STL anunciou esta segunda feira paros "indefinidos" e "permanentes" a partir de agosto.

Os Bombeiros da Coruña tiveron que intervir durante a noite desta segunda feira e a madrugada da terza para extinguir varios contedores que arderon en diferentes rúas da cidade. Estes feitos producíronse no medio da folga convocada polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), iniciada o pasado 24 de xuño con motivo de "despedimentos inxustificados", "externalización de servizos" e "incumprimentos" de convenio.

Ás 21.59 horas, os bombeiros desprazáronse á rúa Revolución Francesa para extinguir con auga e escuma varios contedores que "ardían simultaneamente". Unha hora máis tarde, ás 22.55h, os efectivos tiveron que volver a esta vía tras o aviso da veciñanza de que o lume se reiniciara. E posteriormente, ao fío das 6.24 horas, os Bombeiros da Coruña recibiron outra alerta por un incendio nun elemento urbano na Avenida Finisterre.

O conflito continúa na cidade herculina cunha nova xornada de lixo acumulado na rúa e tras o anuncio desta segunda feira do persoal do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos da Coruña de convocar unha folga "indefinida" e "permanente" a partir do próximo 1 de agosto, ao non se produciren, dixeron, "avances na negociación" coa empresa concesionaria, PreZero.

A alcaldesa, Inés Rei, avanzou a pasada sexta feira que estaba a estudar a posibilidade de reducir o imposto do lixo "en situacións excepcionais" como a actual de folga do servizo de recollida de lixo, que polo de agora parece estar aínda lonxe de se resolver.