A APDR denuncia un novo episodio de mortaldade de peixes na ría de Pontevedra

Peixes mortos na ría de Pontevedra este sábado pola tarde (Foto: APDR).

A veciñanza alertou á Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) da existencia dunha elevada cantidade de peixes mortos na ría de Pontevedra e no río Lérez.

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) denunciou este domingo un novo episodio de mortalidade de peixes no río Lérez e na ría de Pontevedra. A entidade informou que na tarde-noite deste sábado, unha veciña alertoulles da existencia dunha elevada cantidade de peixes mortos, concretamente na zona que vai desde a fábrica de ENCE e a ponte de Santiago.

A entidade mostrou a desfeita en fotografías e asegura, polo de agora, descoñecer a orixe da desfeita. Porén, a través dun comunicado queren deixar constancia de que “a mortaldade de peixes coincide no tempo coa existencia en Pontevedra dun forte cheiro a celulosas e, tamén, cunha xornada de intensa choiva que fixo que a Xunta da Galiza activase o plan de risco de inundacións no río Lérez”.

APDR sinala que deu conta dos feitos de inmediato ao Servizo de Urxencias 112. “Entendemos que son demasiadas as ocasións nas que se repiten situacións como a que agora denunciamos sen que se chegue a saber sequera a causa que as provocou”, aseguran.

Neste sentido, demandan “a atención das Administracións con competencia nesta materia para que actúen coa celeridade e responsabilidade necesarias para determinar as causas que poidan estar detrás da mortaldade agora denunciada pero, tamén, para evitar no futuro feitos semellantes”.

Situación “altamente” preocupante

A APDR asegura que “a ría de Pontevedra, como sucede noutras rías galegas, está a atravesar unha situación altamente preocupante” que sofre de maneira “moi evidente o sector marisqueiro tradicional, enfrontado á progresiva perda de produción e de ingresos económicos”.

Alén do cambio climático, “instalado xa na nosa zona xeográfica con consecuencias moi evidentes sobre o medio e o clima”, a asociación exixe “o saneamento da ría, a recuperación da calidade das súas augas, sometida hoxe á contaminación provocada por multitude de vertidos de orixe doméstico ou industrial” por ser “unha necesidade que as Administracións non poden eludir por máis tempo”.

Desde a APDR demandan, por último, “frear esta situación insostíbel” e denuncian “a incapacidade da Xunta da Galiza para facer fronte ao saneamento das rías galegas”.