Unha moza asasinada a coiteladas en Vigo e outra en Compostela

Cartaz Violencia machista

A policía detivo polo asasinato de Ana María E.un coñecido da vítima e mantén a búsqueda da parella da vítima de Compostela. Concentracións de denuncia e rexeitamento esta terza feira, ás 20:00, en diversas cidades galegas.

O cadáver de Ana E.C, unha moza duns 25 anos de idade e natural de Boqueixón, foi atopado ás 6.00 horas deste sábado no portal do edificio Avenida de Madrid de Vigo onde vivía de alugueiro. O corpo atopouno un veciño, que procedeu a chamar aos efectivos de emerxencias. O corpo presentaba varias puñaladas e a Policía xa traballa coa hipótese dun asasinato machista. Segundo diversas fontes citadas por axencias, a moza saíra na noite da sexta feira para gozar cos compañeiros dunha cea de empresa. Traballaba nunha auxiliar de Citröen após finalizar os seus estudos de enxeñeiría industrial.

A policía detivo este domingo nun hospital de Vigo unha persoa,compañeiro de traballo da asasinada e que ingresou no complexo após tentar suicidarse. A investigación aponta a que o presunto asesino e a vítima mantiveron unha curta relación, á que ela puxo fin.

Poucas horas antes do descubrimento do corpo desta moza, a media tarde da sexta feira, unha muller de 30 anos, E.N.N, era vítima de varias coiteladas na súa propia casa, en pleno Ensanche compostelán. A moza foi ingresada en estado moi grave no Hospital de Compostela. A muller faleceu este domingo. A policía busca o seu compañeiro sentimental, co que mantivo momentos antes unha forte discusión que levou os veciños a chamar á Comisaría. Contra esta persoa existían denuncias de violencia machista dunha relación anterior.

Tarragona

Esre domingo os Mossos d'Esquadra detiveron un home en Pobla de Mafumet (Tarragona) após personarse este en comisaría e confesar que matara a súa muller. Os axentes atoparon na vivenda e atoparon o corpo da muller con evidentes signos de violencia.

Concentracións de rexeitamento

Desde diversos colectivos anúncianse concentracións de denuncia e rexeitamento a estes crimes machistas. Serán esta terza feira, 20 de decembro, ás 20:00 horas.

Vigo. No Marco

A Coruña. Obelisco

Compostela. Praza 8 de Marzo

Ferrol. Diante do Concello

Ourense. Na Castaleira

Lugo. Diante do Concello.

Pontevedra, Audiencia Provincial