UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Apostasía: as cifras que a Igrexa non dá

Imaxe da campaña pola apostasía "Apostasía antes do Natal", en Compostela.

Coñecer a cifra exacta dos milleiros de persoas que se borraron do censo eclesiástico na Galiza e imposíbel. As súas solicitudes andan ciscadas nos arquivos das dióceses.

Unha non sabe xa cal foi o día máis feliz da súa vida: se cando apostatou ou cando morreu Fraga. Outro, ao ter sido baptizado co nome de 'Xesús', quería facer cadrar a súa baixa na Igrexa "cos 33 anos e o cabelo comprido, para alén da barba que aínda conservo". A seguinte considérase "atea", malia ser educada nun colexio de monxas e apostatou cando a Conferencia Episcopal comezou a saír en manifestación contra os dereitos das mulleres ou das persoas homosexuais. E a que queda apostatou nunha campaña "brutal" en contra da visita do papa Bento XVI á Galiza. Son, por orde de aparición, Luz Fandinho, Suso Sanmartín, Naiara Abásolo e Lucía Cedrón, tod@s apóstatas dispostas a facer apoloxía desta forma de renegar da fe católica, a única que a Igrexa permite.

QUEN DI QUE É DIFÍCIL?

Pois dío moita xente que, curiosamente, non apostatou. As catro persoas coas que falamos desmínteno. Naiara Abásolo apostatou na diócese de Tui-Vigo. Gostariamos de dar a cifra de cantas persoas se deron de baixa no censo da Igrexa nos últimos dez anos, por exemplo, nesa mesma diócese. Porén, quen nos atende explica que, malia que as primeiras solicitudes de apostasía chegaron en 1999, non dispón dos dados por anos e "só podo dicirche que desde xaneiro van tres". Contemos, pois a historia de Naiara.

Educada nunha escola de monxas, na idade adulta "posicioneime en contra da Igrexa" e cando comezou a estar "activa" -mobilizacións contra o matrimonio homosexual ou contra o aborto- "decidín que non quería formar parte diso". Buscou información pola internet e copiou unha das cartas que atopou. "Hai moitas páxinas onde explican como facelo e hai moita xente que non se sinte católica mais que non apostata por preguiza ou porque lle din que é moi difícil".

As catro persoas coas que falamos desminten que sexa difícil apostatar

Tres meses tardou o Arzobispado de Compostela en borrar Suso Sanmartín do seu censo: entre decembro de 2009 e febreiro de 2010. Aquí podemos dar algúns dados máis. Explícannos que comezaron a tomar nota das baixas en 2004, "mais neses primeiros anos non se levaba unha estatística exacta. Despois si que comezamos a tomalos en serio".

Desde 2007 até hoxe foron 834 as persoas que rexeitaron a fe católica. De Lugo non dispomos de información porque "o chanceler está de vacacións e non volve até agosto" e en Mondoñedo-Ferrol cóntannos que se deron de baixa 75 persoas desde 2004 até agora e que "non abonda cunha carta, porque hai que saber onde foi baptizado e asinar diante do párroco a declaración de apostasía". As expeciencias, e tamén o chanceler de Compostela, desminten esta versión: o trámite debe ser presentado na diócese onde reside a persoa "e nós xa nos comunicamos coa parroquia. Alí o único que poden facer é unha anotación á marxe no libro do bautismo".

Como fixo Suso, quen apostata alega que foi baptizado sen posibilidade de escolla. Hai quen explica tamén que tal práctica -baptizar alguén cando a capacidade volitiva fica aínda anulada- "é contraria ao Evanxeo". Tamén se argumenta a renuncia a fe católica. Na súa resposta, o arcebispado comunica que esa persoa fica excluída dos sacramentos, non poderá ser madriña ou padriño dunha crianza nin ser enterrado polo rito católico. "Eu apostatei canda outras vinte persoas cando veu o Papa á Galiza para denunciar o inmenso gasto que supuña". Lucía dá máis motivos: "todas as relixións machucan as mulleres. Sempre nos obrigan a estar debaixo. Que nacemos da costela de Adán? Son moitas cousas fóra do tiesto". A baixa cursárona en Ourense, onde en 2013 rexistraron 8 solicitudes e dos anos anteriores "non temos os dados centralizados".

No País téñense feito moitas campañas chamando a apostasía. As máis coñecidas son as da plataforma Sei o que nos figestes, mais merece ser recordada tamén a Via Anti-Colonial Activa -VA-CA- que ligaba a historia da Igrexa católica coa colonización política da Galiza. En Ourense, na última quinta feira de decembro, celébrase o Fecal -festival ecuménico da cantiga atea e libertaria- onde algunha panxoliña reflexiona "sobre unha institución que, ao nacer, xa te recluta".

 

A decisión de apostatar, en catro testemuños

 

Luz Fandinho (Compostela)

"A Igrexa actuou sempre de maneira terrorista con nós, co pobo e, sobre todo, coas mulleres. Canto apostatei renoveime psicoloxicamente".

 

 

 

Suso Sanmartín (Bueu)

"Eu non apostatei só. O meu acto foi feito no cuadro da campaña Apostasia antes do Natal, promovida pola plataforma 'Sei o que nos figestes'"

 

 

 

Naiara Abásolo (Vigo)

"Malia ter estudado nun colexio de monxas, posicioneime en contra da Igrexa e apostatei cando saíron á rúa contra o aborto ou o matrimonio homosexual"

 

 

 

Lucía Cedrón (Ourense)

"Borreime da Igrexa cando o Papa veu á Galiza. Fixemos unha campaña brutal en prol da apostasía e nela participou xente dos 18 aos 90 anos"

 

 

 

 

Esta reportaxe apareceu no Sermos57, publicado a 25 de xullo de 2013