Fechado o acordo para a nova tempada de pesca continental de 2024: Coñece aquí as datas para as diferentes especies

Un pescador lanza a cana no río. (Foto: Carlos Castro /Europa Press)
A tempada de pesca fluvial de 2024 irá, con carácter xeral para a troita, do 17 de marzo ao 31 de xullo, coa excepción das augas de salmón, nas que comezará o 1 de maio.

Esta sexta feira acordouse no Consello Galego de Pesca Continental que a tempada de pesca fluvial de 2024 irá, con carácter xeral para a troita, do 17 de marzo ao 31 de xullo. Con excepción das augas de salmón, nas que comezará o 1 de maio.

Este órgano, presidido pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, fixou co sector as condicións para exercer a actividade. A orde anual publicarase proximamente e regulará os períodos hábiles de pesca, coas respectivas normas e determinacións de cada especie, con cotas de capturas que recollen as propostas dos consellos territoriais de pesca.

Nos cotos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar até o 30 de setembro. Por outra parte, nos cotos con convenio, con carácter xeral a tempada prolongarase até a mesma data na modalidade sen morte.

No que respecta ao salmón e ao reo, os pescadores poderán desenvolver a súa actividade a partir do 1 de maio e até o 31 de xullo. As cotas de captura desta especie no río Mandeo (As Mariñas) estabelécese en cinco exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (A Mariña), un límite de 15 e 10 exemplares, e no Miño, a cota será de oito salmóns. No río Ulla estabeleceuse en 15 exemplares, cunha redución de 50%. O río Lérez continuará vedado e o límite seguirá sendo dun salmón por día para cada pescador.

Ademais, no Consello tamén se expuxeron os principais resultados do plan de manexo da poboación de corvo mariño grande na Galiza, tras corroborar a incidencia que esta especie está a ocasionar nas poboacións de peixe, especialmente no caso dos salmóns. Este plan desenvolveuse xa en 11 cotos, realizándose un total de 40 percorridos de censado.