Aprobado o anteproxecto de lei para reducir o consumo de alcol en menores

A ministra de Sanidade, Mónica García, presentando onte a lei. (Foto: Europa Press).
A historia clínica das crianzas incluirá un rexistro dos seus consumos.

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira o anteproxecto da lei de prevención do consumo de alcol e os seus efectos en menores de idade, co obxectivo de "atrasar a idade de inicio da súa inxestión, protexer das súas consecuencias e minorar os episodios de consumo intensivo".

No documento estabelécense obrigacións para as Administracións Públicas en materia de educación, sanidade, cultura, deporte, investigación, seguridade viaria, ámbito laboral e familiar.

Así, neste último eido implementarán programas para concienciar as familias sobre os riscos do alcol e dotalas de ferramentas para previr o seu consumo en menores. 

No educativo publicaranse novos contidos sobre prevención do consumo de alcol en primaria, secundaria, formación profesional, bacharelato e plans de estudos universitarios e de formación do profesorado.

Con respecto ao sociosanitario, desenvolveranse protocolos para detectar o consumo de alcol en menores, incluír rexistros de consumo de alcol na historia clínica, considerar o contexto familiar de menores con problemas de adiccións e promover actividades de educación para a saúde en centros sanitarios e educativos.

E, por último, no que respecta ao ámbito urbanístico prohíbese o consumo de alcol para todas as persoas en centros docentes de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e de ensinos especiais; centros de protección de menores e residencias de estudantes que admitan a persoas menores de idade e noutros centros de menores ou destinados ao seu uso.

Tamén se prohibe en centros deportivos, de lecer ou espazos dedicados a espectáculos públicos cando haxa sesións que se concibiron expresamente para persoas menores de idade.

Agora, tras a súa aprobación polo Consello de Ministros, Sanidade publicará o texto do anteproxecto de lei para o seu trámite de audiencia e información pública. Despois, o texto volverá á mesa do Consello de Ministros para a súa aprobación como proxecto de lei e iniciar a súa tramitación parlamentaria.

1,75 millóns para o impulso da FP na Galiza

O Goberno estatal tamén aprobou no Consello de Ministros  a distribución á Galiza de 1.756.188 euros para "accións que reforcen a calidade no novo sistema de Formación Profesional". Segundo a portavoz do Executivo, Pilar Alegría, este é un dos "proxectos estrelas" da actual lexislatura, e ten como finalidade "modernizar e transformar" o modelo educativo.