"Fóra mina, fóra mina": apupada para Cobre San Rafael e a mina de Touro na festa da ameixa de Carril

A protesta veciñal exhibiu botellas de auga da mina.
A empresa responsábel da mina de Touro recolleu a 'Ameixa de Ouro' entre as protestas da veciñanza das rías de Noia e Arousa.

Colectivos e veciñanza das rías de Arousa e Noia recibiron entre apupos o director de proxecto de Cobre San Rafael, Fernando Díaz Riopa, na festa da ameixa de Carril.

Tal e como estaba previsto, o directivo da empresa impulsora da mina de Touro acudiu á cita en Vilagarcía, este domingo, para recoller a 'Ameixa de Ouro' que a organización da festa, a Agrupación de Parquistas e a Confradía de Pescadores, decidiu outorgarlle á mineira.

Colectivos e veciñanza en defensa da ría.

A reacción da veciñanza e das entidades da contorna contrarias á mina non se fixo esperar e foi sonora durante a entrega do galardón.

A protesta veciñal, ademias de ruidosa, tamén exhibiu botellas de auga amarronada, mostra das augas contaminadas, defenden entidades ecoloxistas, que atravesan a mina, caen no Pucheiros e desemboca no río Brandelos, afluente do Ulla.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou tamén dos actos da XXVIII festa da ameixa de Carril, durante os que foi nomeada Dona da Orde da Ameixa.

Ausencia

Pola súa banda, tal e como anunciara, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, non acudiu ao evento. A decisión de non asistir avanzouna após o chamamento do voceiro de Esquerda Unida no Concello, Juan Manuel Fajardo, a non "branquear" a mineira e a non participar na entrega da 'Ameixa de Ouro'.

Ao respecto, o rexedor asegurou que nin ten relación con Cobre San Rafael nin comparte a distinción da festa ao seu responsábel de proxecto, ademais de rexeitar a reapertura da mina.

O BNG, coa veciñanza

Este domingo, a veciñanza manifestouse en contra da actividade mineira, dos proxectos de Cobre San Rafael e do recoñecemento que a festa da amaeixa de Carril lle brindou a un dos seus responsábeis e fíxoo co apoio do BNG de Vilagarcía, que estivo acompañando, ademais, varias confrarías e plataformas en defensa da ría contra a concesión dunha 'Ameixa de Ouro' que representa "a destrucción da nosa ría e do motor económico da nosa vila", afirmou a formación. "A nosa firmeza contra a mina e pola defensa da xente do mar".