Arde un antigo estaleiro de carpintería de ribeira en Outes

Estaleiro (Foto: Consorcio de Bombeiros)
O lume afectou tamén a 2 embarcacións

Un incendio afectou esta madrugada a un antigo estaleiro de carpintería de ribeira situado na localidade de Outes, comarca de Noia.

Segundo a información do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña, o suceso ocorreu ao redor das 2:37 horas da madrugada, cando os bombeiros do Parque Comarcal Provincial de Boiro foron alertados dun incendio nas instalacións.

Ao chegar, os efectivos confirmaron que se trataba do antigo estaleiro da Barquiña, que resultara totalmente afectado polo lume, así como dúas embarcacións que estaban no seu interior, maquinaria e ferramentas. Os efectivos evitaron entrar no inmóbel ante o risco de caída.

No operativo participaron tamén efectivos do GES de Noia e da Garda Civil de Outes.