Arde un camión cargado de rodas na A-52 á altura de Melón

O camión incendiado na A-52 esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
O condutor do vehículo tardou en decatarse do que sucedía, pois seguía circulando pola A-52, pero finalmente detivo a marcha uns quilómetros máis adiante.

Un camión cargado de rodas ardeu por completo na madrugada desta segunda feira á altura do quilómetro 262 da A-52, en sentido Benavente, ao seu paso polo municipio de Melón (O Ribeiro). O condutor do vehículo tardou en decatarse do que sucedía, pois seguía circulando pola A-52, pero finalmente detivo a marcha uns quilómetros máis adiante, xusto na saída cara Melón.

Segundo informou a central do 112-Galiza, o suceso tivo lugar ás 5.30 horas e varios equipos de emerxencias participan nos labores de extinción dun incendio que chegou a comprometer a contorna. De feito, tamén foron informados efectivos de incendios forestais para apoiar o traballo dos bombeiros e salvagardar o espazo forestal.

E no lugar traballan, ademais dos membros do GES de Ribadavia, os Bombeiros do Carballiño e Ponteareas, que xa teñen o lume controlado aínda que non extinguido, xa que para iso é necesaria a colaboración do persoal de limpeza e mantemento da vía, neste caso do Ministerio de Fomento, para a retirada das rodas de gran tamaño que transportaba o camión.

Arde unha casa na Merca

Por outra parte, outro incendio calcinou por completo unha vivenda no concello da Merca (comarca da Terra de Celanova), aínda que non se produciu ningún dano persoal e as chamas tampouco afectaron as vivendas lindeiras.

Profesionais do 112 informaron de que as chamas empezaron minutos antes das 22 horas deste pasado domingo, cando se puxeron en marcha os protocolos correspondentes para a activación dos medios e recursos de emerxencias.

Neste caso, mobilizáronse os Bombeiros de Celanova e o persoal de Incendios Forestais, e a punto estiveron de acudir os Bombeiros de San Cibrao, pero finalmente non foi necesaria a súa colaboración para sufocar o fogo.