Un home esquece unha candea prendida nun rocho e provoca un incendio en Santiago

O incendio produciuse na rúa Carreira do Conde. (Foto: Google)
Sucedeu durante a noite na rúa Carreira do Conde da capital galega.

O rocho dunha vivenda situada nun edificio da rúa Carreira do Conde, en Santiago de Compostela, provocou un incendio que calcinou o habitáculo. Segundo informou a central de emerxencias do 112-Galiza, varios particulares informaron do suceso contra as 21.30 horas.

Ademais, outro alertante informou de que un home pedira que o levase "de forma urxente" ao seu domicilio, alegando que deixara unha candea acesa no rocho. O lume no rocho estaba a encher de fume dúas plantas de garaxe subterráneo con moitos vehículos estacionados.

Con todo, a intervención dos Bombeiros de Santiago permitiu que os danos se reducisen ao habitáculo en cuestión, onde resultaron calcinadas diversas pertenzas. Alén dos bombeiros, foron avisados os voluntarios de Protección Civil e os axentes da Policía Local e Nacional.

Incendio en Oleiros

Por outra parte, pasadas as 2 horas da madrugada, en Oleiros (comarca da Coruña), produciuse outro fogo, que afectou o sistema de extracción da cociña dun estabelecemento hostaleiro da avenida das Mariñas.

Ninguén sufriu danos e todo quedou solucionado en apenas unha hora. Para atallar o incendio, desde o 112, pasouse aviso aos Bombeiros de Arteixo e aos membros do servizo local de emerxencias. Tamén colaboraron os axentes da Policía Local.