A área de Pontevedra mantén en corentena 33 profesionais do Hospital Montecelo por un positivo en Pneumoloxía

O protocolo preventivo COVID da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén en corentena 33 profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), que evolucionan nos seus domicilios, após realizar en datas pasadas procedementos asistenciais nun paciente con este coronavirus ingresado no Servizo de Pneumoloxía e que finalmente faleceu o pasado 15 de agosto.

Así o informou esta área sanitaria nun comunicado, no que indica que o citado paciente ingresou por Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra o pasado 6 de agosto con "múltiples factores de risco cardiovascular e pulmonar".

Após a valoración pola garda da área médica, e en coordinación cos equipos Covid e co servizo de Cardioloxía, decidiuse o seu ingreso hospitalario "cun prognóstico grave", puntualizaron.

Ademais, as mesmas fontes sinalaron que se lle realizou un PCR o 6 de agosto, que resultou negativa, polo que ingresou primeiro na Unidade de curta estancia e, posteriormente, na planta de hospitalización de Pneumoloxía do Hospital Montecelo.