A Arousa e o Morrazo demandan medidas urxentes contra o turismo de masas

Vista da praia de Areabrava (O Hío) e da costa de Aldán. (Foto: Turismo Rías Baixas).
Veciños e veciñas destas comarcas defenden un turismo responsábel co medio natural e os dereitos de quen habita os seus destinos vacacionais, ao tempo que urxen medidas ás autoriadades locais para pórlle freo a comportamentos agresivos coa contorna.

A Illa de Arousa converteuse nun dos destinos de sol e praia mais cobizados dos últimos anos na Galiza e isto, declaran desde a asociación Arousa en Transición, desembocou nunha "afluencia de vehículos particulares que deixan longas colas de coches e eternas caravanas para poder entrar e saír da illa".

As imaxes repítense case a diario, e non é un fenómeno local. No Salnés, ao igual que noutras moitas localidades, o impacto do "turismo de masas" está a provocar malestar e "turismofobia" entre as persoas residentes, afirman, xa que se produce unha depredación das súas condicións de vida.

Arousa en Transición reclama nun comunicado a regulación urxente de prácticas comúns que ameazan a contorna natural e a convivencia. Asegura que desde o ano 2020 vén denunciando "a deriva da práctica turística" que deixa ao seu paso un "autocaravanismo incontrolado" –aumentou nun 600% dende a pandemia, din– ou a instalación de máis chiringuitos nas praias.

"Non temos nada en contra destas actividades, pero coidamos que por riba de intereses particulares ten que prevalecer o interese xeral e o coidado medioambiental do lugar".

Denuncian un 'cámping permanente ao carón do campo de fútbol da Illa.

A entidade urxe decisións políticas valentes para frear certas actividades antes de que sexa demasiado tarde e para iso cómpre definir "o modelo turístico que queremos, é dicir, se apostar por un perfil de turista sensibilizado coa preservación da natureza ou polo 'amante fake' que arrasa con todo".

Neste sentido tamén amosan a súa preocupación pola actividades turísticas no litoral da Arousa, en especial nas calas de zonas protexidas como Carreirón, onde aumenta a presión por fondeos de embarcacións e motos de auga.

Protesta no Morrazo

Pola súa parte, a veciñanza do Morrazo volveuse plantar este domingo contra a afluencia descontrolada de visitantes que colapsan os accesos ás praias e as zonas de aparcamento.

Perto dun cento de veciños e veciñas Cangas provocaron tres 'cortes' de tráfico en zonas de especial saturación: dous no Hío e un máis en Pinténs, ao demorar o cruce de senllos pasos de peóns uns 20 minutos.

Retiveron a circulación e ocasionaron grandes retencións en sinal de protesta. É a segunda vez que interveñen por sorpresa para censurar o comportamento de quen chega e aparca de calquera maneira, obstruíndo accesos a vivendas ou camiños estreitos de paso en zonas máis rurais.