Xustiza

Carpetazo ao 'caso Déborah': a xuíza ordena o arquivo provisional por falta de indicios contra o único investigado

Concentración en Vigo en decembro de 2021 contra a "impunidade" no 'caso Déborah'. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O ex mozo da viguesa que apareceu morta nunha gabia do Rosal en maio de 2002 era o único imputado desde que o caso reabriu en 2019, mais non se acharon probas para poder inculpalo durante a instrución.

Carpetazo case definitivo ao 'caso Déborah' sen que a familia da moza viguesa asasinada en 2002 puidese satisfacer os seus anhelos de xustiza. A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 de Tui vén de acordar o sobresemento e arquivo provisional da causa na que se investigaba a morte de Déborah Fernández-Cervera, cuxo corpo sen vida apareceu nunha gabia do Rosal (Baixo Miño), espido, sen signos de violencia e rodeado de pistas falsas para enganar á Policía, o 10 de maio de 2002, dez días despois de que se lle perdese a pista.

A xuíza tomou esta decisión após descartar as probas de ADN que o seme achado no cadáver pertencese ao seu ex mozo, único investigado tras a reapertura do caso a finais de 2019. Na resolución, que se coñeceu esta sexta feira, salienta que "nin os testemuños solicitados, nin a práctica da exhumación do corpo da vítima, nin a inspección dun cofre conxelador propiedade no seu día do investigado produciron ningún resultado positivo para a investigación", da mesma forma que aconteceu coa infrutuosa análise do teléfono móbil da vítima, que hai dous anos apareceu nunha comisaría de Madrid, sen a tarxeta SIM —aínda hoxe en paradoiro descoñecido— após dúas décadas traspapelado.

Outra das cuestións que foron analizadas, precisa a maxistrada no auto, foi a suposta manipulación e borrado dun disco duro utilizado pola moza. Tras a investigación practicada, considera que non se acreditou que o borrado fose "intencionado e masivo". En definitiva, considera que non existen indicios "contundentes e irrefutábeis" que permitan fundamentar a imputación delituosa do ex mozo de Déborah.

"Os elementos de xuízo que se achegan pola acusación, cando se solicita a incoación do procedemento ante o Tribunal do Xurado, son meras sospeitas baseadas en datos non acreditados ou en contradicións nas declaracións do investigado ou de testemuñas, pero sobre aspectos incidentais", argumenta, facendo fincapé en que "ningún indicio hai de que o investigado e a vítima se visen esa noite, nin do lugar da morte, nin aparece vestixio ningún do investigado no corpo da vítima ou no lugar onde este se atopou".

Concentración en Vigo decorrida o 28 de decembro de 2021 para pedir "xustiza para Déborah". (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

A maxistrada lembra no auto que "non abondan meras afirmacións de sospeita", pois é preciso "alcanzar certo nivel cualitativo dos indicios, que deben ser sólidos e conducir a un suficiente nivel de probabilidade da autoría, superior á posibilidade". Desta forma, lembra a sentenza do 8 de xullo de 2020 da Sala Segunda do Tribunal Supremo que enumera as regras ou principios que cómpre ter en conta para admitir indicios como proba de cargo, subliñando que "non poden confundirse os indicios coas sospeitas".

"Debemos contar con indicios probados e non con meras 'probabilidades' de que o feito ocorrese. Unha proba indiciaria debe partir duns feitos —indicios— plenamente probados, e non é suficiente crer que os feitos ocorreron como se relatan", di, pois "non caben dúbidas, exíxese convicción". A xurisprudencia do Tribunal Supremo, lembra a instrutora, "tamén se refire a que a inferencia lóxica non consiste en obter a mellor explicación posíbel do ocorrido", xa que "debe analizarse a suficiencia ou claridade concluínte dos indicios, non sendo, pois, razoábel a inferencia cando sexa excesivamente aberta, débil ou imprecisa".

A xuíza conclúe que os feitos investigados non permiten probar que o ex mozo de Déborah estivese con ela a noite da desaparición  

Ademais, engade que o investigado "explicou que fixo esa noite e non se logrou evidenciar que fose falso", pois salienta que "as súas contradicións e rectificacións afectan aspectos accesorios do seu testemuño, pero non permiten afirmar, nin tan sequera indiciariamente, que el estivo coa vítima a noite da desaparición e que ademais a matou, deixando o seu corpo nunha gabia". Desta forma, incide en que "a declaración xudicial prestada polo investigado non produciu ningún dato incriminatorio distinto ás contradicións xa apuntadas, as cales non acreditan a súa participación nos feitos delituosos".

A maxistrada insiste en que todo o investigado nestes últimos anos, tal e como sostén o Ministerio Fiscal, "permite elaborar hipótese, pero a exposta pola acusación particular parte dunha inferencia demasiado aberta, no sentido de que cos mesmos indicios poden alcanzarse tamén outras conclusións alternativas que impiden que a exposta e defendida poida darse por probada". O auto, con todo, aínda non é firme, pois contra el cabe presentar recurso.