Arquivan o caso no que se autorizou aplicar 'electroshock' a un mozo após o "éxito do tratamento"

O método do electroshock é fortemente criticado. (Foto: Nós Diario)

O informe de alta recomenda seguimento polos Servizos Sociais debido á "precaria conciencia de enfermidade mental grave" da famila.

O Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago de Compostela deu por finalizado, debido ao "rotundo éxito do tratamento e conseguinte alta clínica do paciente", o caso iniciado após a autorización xudicial para aplicar terapia electroconvulsiva (TEC) a un mozo ingresado nun hospital de Compostela, contra a vontade do seu pai.

Así o informou esta sexta feira o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que sinala que o maxistrado acorda o arquivo do procedemento de medidas cautelares, así como do procedemento de ingreso non voluntario, por alta clínica do paciente, e desestima os recursos presentados polo pai.

Na resolución, o Tribunal subliña que os informes sanitarios remitidos ao xulgado "non só enuncian de maneira motivada a ausencia de xustificación" para suspender o tratamento, como pedía a familia, senón que corroboran "o rotundo éxito do tratamento pautado, tanto a nivel psiquiátrico como psicolóxico (ata o punto de permitir acordar o alta hospitalaria con seguimento ambulatorio do paciente)".

Para iso, apunta , solicitáronse os informes do psiquiatra responsábel do paciente, o psiquiatra responsable do TEC, a psicóloga responsábel do paciente e a especialista de Medicina interna responsábel do mozo.

Nestes documentos, "constátase con máxima actualidade e obxectividade a boa evolución do paciente" tras a aplicación do TEC, "xa desde a primeira sesión", apuntando que houbo unha "desaparición progresiva" dos seus síntomas, incluso os de "temática delirante".

Seguimento polos Servizos Sociais

A melloría chega ao momento, destaca o xulgado, de ordenar a alta do paciente, aínda que se recomenda seguimento ambulatorio e "abordaxe por parte dos Servizos Sociais" tendo en conta "a precaria conciencia de enfermidade que mantén o paciente", así como "a ausencia total de conciencia de enfermidade mental grave e crónica por parte da familia", como apuntan os informes médicos.

Sobre os recursos expostos polo pai, tamén os rexeita, e avala a actuación médica. "Non se apreciou por este xulgador, nin pola maxistrada que coñeceu do inicial internamento, nin pola maxistrada que coñeceu dos dous procesos penais instados, nin polos tres fiscais que interviñeron nos dous procesos civís nin nos dous procesos penais, nin polos médicos forenses que interviñeron nos procesos civís e penais tramitados, actuación algunha contraria á lex artis dos diferentes profesionais do ámbito sanitario", recolle.

Ingreso e tratamento

O mozo, orixinario de Arzúa, foi atendido en febreiro de urxencia por un brote psicótico que derivou no seu ingreso no Hospital de Conxo, en Compostela, por imperativo médico. Os facultativos, como recolle o auto, consideraron nese momento que presentaba un "altísimo risco" de suicidio e que non era consciente da súa situación real, polo que non era apto para decidir sobre si mesmo.

Por iso, pediron amparo ao xulgado para ordenar o seu ingreso involuntario, ao que se opuxo a súa familia. Do mesmo xeito, solicitouse autorización para empregar no seu caso unha terapia de electroshok, dada "a previa acreditación" tanto polos seus médicos como polos forenses do Imelga da "sintomatoloxía psicótica activa", así como do "fracaso dos tratamentos orais" que lle foron aplicados desde o seu ingreso.