O prazo para solicitar as bolsas e prazas en residencias xuvenís da Xunta abre esta terza feira

Residencia pública Altamar de Vigo. (Foto: Xunta da Galiza)

Na valoración das solicitudes teranse en conta aspectos como a renda da unidade familiar, a condición de familia numerosa ou monoparental, as condicións de orfandade e de discapacidade ou a antigüidade na residencia xuvenil, entre outros.

A Xunta da Galiza abre esta terza feira, 4 de xullo, e durante un mes o prazo para solicitar as bolsas e as 224 prazas ofertadas nas residencias xuvenís públicas dependentes da Consellaría de Política Social e Xuventude para o curso académico 2023-2024, das cales 15 son para persoas con bolsa que non pagan taxa.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) esta segunda feira publica as bases que regulan a concesión destas prazas en réxime de concorrencia competitiva e que se dirixen a mozas de 16 a 30 anos de idade que por razóns de estudo ou traballo se vexan obrigados a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.

O período máximo da estancia na residencia xuvenil será de 11 meses dentro do calendario académico, excepto os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa. A estancia inclúe aloxamento e manutención.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñíbel na sede electrónica da Xunta da Galiza.

En cando á distribución da oferta, 89 prazas correspóndense coa Residencia Altamar de Vigo, das que seis son para mozos con bolsa. Outras 75 son para o centro residencial xuvenil de Lugo 'LUG', onde hai catro prazas para bolseiros; e a residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense oferta 60 prazas, cinco para bolseiros.

Ademais, a convocatoria reserva 9% do total das prazas para mozas que sufran violencia de xénero e para mozos cuxas proxenitoras así o sufrisen, así como para aqueles que teñan un expediente de protección aberto.

Na valoración das solicitudes teranse en conta aspectos como a renda da unidade familiar, a condición de familia numerosa ou monoparental, as condicións de orfandade e de discapacidade ou a antigüidade na residencia xuvenil, entre outros.