Arte e paisaxe fúndense no festival de xardíns de Allariz

'Xardín informal', gañador popular en 2023, conservouse e estará dispoñíbel para volver ver (Foto: Concello de Allariz).
Puntual e máis artístico que nunca. O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abre as súas portas esta fin de semana, previa á festividade das Letras Galegas, como é costume, para achegar ao público visitante até nove propostas paisaxísticas inspiradas no mundo da arte, que enxalzan a beleza ao tempo que achegan calidade de vida.

'O xardín é unha obra de arte' é o tema que en 2024 guía a edición XIV do Festival Internacional de Xardíns de Allariz. Este sábado, 11 de maio, abrirá as súas portas á veciñanza e persoas visitantes, que durante seis meses, até outubro, terán a oportunidade de percorrer 37.000 metros cadrados á beira do Arnoia dedicados a un paisaxismo cada vez máis diverso e profesional que atrae creadores e creadoras de todo o mundo.

"Estamos ante unha proposta paisaxística que vai moito máis aló dunha xardinaría tradicional, que inspira proxectos chegados de diferentes latitudes e artellados desde ópticas e experiencias moi distintas, o que fai que o público poida gozar de instalacións que ademais das plantas consideran outras disciplinas e estruturas", destaca a Nós Diario a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, o que fai de cada xardín unha proposta singular e interpretativa "nunha contorna natural idílica que complementa os deseños".

O xurado do Festival Internacional de Xardíns seleccionou para a edición deste ano nove propostas paisaxísticas –de 36– procedentes de Portugal, Ecuador, Austria, Madrid (4) Ourense e A Coruña ás que se sumará o proxecto local do alumnado do IES de Allariz e os dous xardíns "indultados" na pasada edición.

"Por primeira vez conservamos dous xardíns do ano anterior, o gañador por votación popular e este ano, tamén, o vencedor grazas aos votos da Asociación Española de Paisaxismo. Era un paso necesario para dar a coñecer ao público os criterios que fan merecedor un proxecto do premio profesional", sinala Cid.

Así, 'Xardín informal' e 'Xeometrías do Nilo' repiten en 2024 e acompañan propostas evocadoras de pintores e correntes artísticas moi concretas. 'O xardín de Monet', 'Recunco impresionista', 'Xardín Cubista' ou 'A arte de Mallo' son algunhas das propostas paisaxísticas que encontrarán as persoas visitantes. "Van atopar xardíns que recrean galerías e obras de arte, pero sobre todo moitas referencias á pintura máis contemporánea".

A partir deste domingo, 12 de maio, os xardíns poderán visitarse en horario de tarde de segundas a sextas e en horario de mañá e tarde festivos e fins de semanas, até o 31 de outubro.

A alcaldesa presume dun festival consolidado tanto a nivel de público, con perto de 40.000 visitantes de maio a outubro, como de profesionais, cada vez máis integrados, numerosos e diversos. "Pero tan importante como isto é que o festival naceu coa idea de ampliar as zonas verdes de Allariz para uso, desfrute e calidade de vida da veciñanza e creo que neste sentido tamén se deron pasos importantes".

Cambio climático

Mentres apuran a instalación dos xardíns deste ano xa se coñece a temática do concurso de 2025. 'Cambio climático: unha oportunidade para o xardín' busca darlle a volta a un desafío global para pór en valor o paisaxismo e a xardinaría ao servizo da innovación, o deseño a beleza e a calidade de vida. "O cambio climático é unha oportunidade para pensar que temos que facer xardíns máis sostíbeis, que hai que actuar  para reducir o seu impacto", di Cid.