Éxito de público no 13º evento Implícate

Artes pola cooperación e o desenvolvemento

Yolanda Castaño e Mon Santiso, presentadoras de Implícate 18. Foto: cedida.

O evento anual co que a ONG Implicadas no Desenvolvemento atinxiu o domingo a súa décimo terceira edición. A mestura e o cruzamento de artes, nun serán conducido pola poeta Yolanda Castaño e o actor Mon Santiso, volveron caracterizar o Implícate. Como cada ano desde 2006, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu, con boa entrada, as actuacións.
 

Coa voz de Sonia Lebedynski arrincou o desfile de poetas, escritores, músicos e mesmo acróbatas. “A misión principal do espectáculo”, relataba a Sermos escritora e tradutora María Reimóndez, fundadora da organización hai 20 anos, “é visibilizar o traballo de Implicadas, que a cidadanía se achegue ao noso labor a través da arte”.

Intervencións laudatorias do activismo como a de Suso de Toro, ou a lectura de poemas de Verónica Martínez Delgado e Ismael Ramos, colocaron o elemento literario sobre as táboas do principal. Axudou tamén o monólogo cómico do actor -coñecido polo seu traballo en Land Rober ou Air Galicia- ISI e a intervención da actriz Marta Iglesias, parte acrobática incluída.

 

A dimensión musical quedou ben, e variadamente, cuberta. A francesa, asentada no rural ourensán, Mounqup amosou os seus experimentos coa voz e a súa manipulación electrónica, nalgún lugar derivado de Björk. Xacarandaina ocupouse da tradición: música e baile. A Atrás Tigre e o seu indie pop melancólico tocoullem pechar.

 

Reimóndez reclamaba uns días antes da celebración do Implícate 18 maior atención para a cooperación e o desenvolvemento. “Desde 1998 até agora vemos un retroceso tremendo nas políticas de financiamento público á cooperación e desenvolvemento”, expuña, “polo que vemos esencial conseguir aumentar o compromiso social”. Para iso serviu, tamén, o serán do pasado domingo.

 

Nota: a banda Atrás Tigre, que pechou Implícate 18. Foto: Implicadas no Desenvolvemento.