As centrais sindicais convocan mobilizacións en todo o país

Doce manifestacions percorrerán as rúas da Galiza na folga xeral. Os sindicatos fan un chamamento á cidadanía a secundar a xornada de folga e a tomaren parte das mobilizacións na defensa dos seus dereitos. 

 

Após o éxito da xornada de paro durante a noite e as primeiras horas da mañá, as centrais sindicais lembran as mobilizacións convocadas a partir das 11.30h nas sete principais vilas e cidades galegas, e chaman a toda a cidadanía a participar pois aseguran "non hai colectivo profesional ou social que se libre dos efectos prexudiciais das políticas neoliberais que está a aplicar o Goberno central, actuacións entre as que cómpre sinalar a reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais, a deterioración e privatización dos servizos públicos, a suba do IVE, a amnistía fiscal a quen defrauda ou o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos. En definitiva, un «saqueo do pobo» que obriga que a resposta sexa de toda a sociedade, polo que piden que, ademais de secundar a folga, a cidadanía non consuma e que participe nas manifestacións convocadas para hoxe". 

A manifestación que adquirirá carácter nacional e que contará coa presenza dos secretarios xerais de CIG, CCOO e UGT será a de Vigo. Neste senso, os sindicatos decidiron finalmente mudar o percorrido a respecto das anteriores convocatorias perante as elevadas previsións de participación. 


Horarios e lugares de saída e remate das manifestacións:

  • Vigo: ás 11:30 horas, desde a Praza de España, até a Praza de América.
  • Pontevedra: ás 12:30 h, desde a Praza da Ferrería, até a Subdelegación do Goberno.
  • Vilagarcía: ás 12:00 horas, desde a Casa do Mar até a Praza Ravella
  • Ourense: ás 12:00 horas, desde o Pavillón dos Remedios até a Subdelegación do Goberno.
  • Compostela: ás 12:00 h, desde a Praza Roxa.
  • Lugo: ás 12:00 horas, desde a Casa Sindical, na Ronda da Muralla, até a Praza de Santa María.
  • A Coruña: ás 12:00 horas, desde a Praza da Palloza até a Praza de María Pita.
  • Ferrol: ás 12:00 horas, desde a Praza do Inferniño até a Praza de Armas.
  • Burela: ás 12:00 horas, desde a Estación de Servizo Vista Alegre, até a Praza do Concello
  • Riberia: ás 12:00 horas, desde a Estación de Autobuses até a Praza do Concello.
  • Monforte: ás 19:30 horas, desde a Praza de España até a Praza da Estación.
  • O Barco de Valdeorras: ás 12:00 horas concentración na Praza do Concello.