As protestas contra o reitor obrigan a suspender o claustro da USC

[Imaxe: Liga estudantil]
Estudantado e persoal de administración e servizos exixiron a dimisión de Juan Casares Long após boicotearen a xuntanza en que quería someter a votación a folla de ruta dos seus orzamentos para 2013 e o seu plan de acción para 2013-2014, na procura duns apoios que no pasado ano non fora quen de xuntar


O claustro que a equipa de goberno da Universidade de Santiago realizou esta cuarta feira na facultade de Medicina recibiu a visita de centros de descontent@s coa xestión do reitor, Juan Casares Long, de quen exixiron a demisión. Xa desde antes de que a xuntanza comezase, un bo número de PAS --persoal de administración e servizos-- protagonizou unha sonora protesta ás portas da sala en que Casares quería someter a votación a folla de ruta dos seus orzamentos para 2013 e o seu plan de acción para 2013-2014, na procura duns apoios que no pasado ano non foi quen de xuntar, véndose na obriga de prorrogar as contas de 2011.

Así as cousas, entrementres o estudantado protestou "contra os ataques de Casares Long á universidade pública galega", ensinando cartaces en que reclamaban a dimisión do reitor e acusárono de 'cómplice dos recortes do PP'; o persoal do PAS ampliou as reclamacións de dimisión até a xerenta, Lourdes Batán, pola xestión que emprendeu para negociar a aplicación dos axustes impostos polo goberno español para este colectivo de profesionais. Canda el@s protestaron tamén @s afectad@s pola suspensión das oposicións de 25 prazas docentes, cuxo veto decretado pola Xunta desembocou na renuncia ao cargo por parte da vicerreitora de Persoal da USC.

Nunha carta remitida a Casares Long, Fernández Morante mostrouse moi crítica co proceso de anulación das prazas, sinalando que "non podo avalar unha decisión persoal que presenta claras dúbidas de legalidade", e denunciou que foi "excluída" do proceso negociador. Arremeteu tamén contra a autonomía da institución educativa colocando a USC nunha situación de "gran vulnerabilidade" ao permitir que sexa o goberno galego quen decida a política de contratacións.

Casares Long intentou negociar co estudantado, ofrecéndolles unha quenda de intervención a cambio de que abandonasen despois o claustro. Porén, a proposta non prosperou e os berros continuaron durante máis de vinte minutos, até que foi el propio quen saíu da sala, suspendendo a xuntanza e entre as advertencias de que "no próximo claustro terás visita". A vindeira reunión será xa en 2013.

O reitor, que saiu entre o estudantado e pasou por diante dunha faixa en que lle lembraban que 'A universidade pública non se vende, deféndese', cualificou de "atropelo" a irrupción de estudantes e traballador@s afectad@s pola súa xestión á fronte da universidade pública. Valorou as protestas como "un comportamento fóra de todas as normas de respecto", e acrecentou que as reclamacións que lle puxeron riba da mesa "en absoluto representan o sentir da comunidade universitaria". Con todo, alí estaban as dúas organizacións estudantís maioritarias no ensino, Liga e Comités; así como os colectivos +Ideas, Universidade Aberta e A trabe, que anunciaran a presentación de emendas para reclamaren a retirada dos orzamentos.