CAMPAÑA

Os panos de mesa do 'Ribadeo de Tapeo' reivindicarán a igualdade de xénero

Reparten 140.000 panos de mesa co lema 'DesTapa a Igualdade' entre os 51 bares que fan parte do concurso de tapas desta vila da Mariña para levar a loita pola igualdade real tamén aos tempos de ocio

“Desbotar o sexismo e a violencia para, no canto, poñer boas doses de educación, xustiza e convivencia. Garantimos boa saúde, de corpo e alma. Porque séndomos diferentes, mulleres e homes, somos iguais como persoas”. Son estes os ingredientes fundamentais que o Observatorio da Mariña pola Igualdade propón nunha receita que se incluirá no concurso de tapas Ribadeo de Tapeo.

Até o domingo que vén, todas as persoas que asistan a esta sétima edición do evento farán parte dunha campaña a prol da equidade de xénero na vila, ao recibir un dos 140.000 panos de mesa co lema 'DesTapa a igualdade', que se repartirán nos 51 estabelecementos participantes no concurso. Con esta iniciativa, o Observatorio quere levar a loita pola igualdade real --máis aló da igualdade formal que contemplan as leis-- a todos os eidos, incluído o ocio, e facer fincapé en que as reivindicacións do movemento feminista inclúen a mulleres e homes, ofrecendo para eles unha alternativa aos valores de masculinidade impostos polo patriarcado.