Detido un home por matar con arma de fogo o seu pai en Guntín

O suposto autor do crime ten 40 anos. (Foto: Europa Press)
A alcaldesa, María José Gómez, mostrou a súa consternación polo sucedido hoxe no seo dunha familia que cualificou de "exemplar".

Un home foi detido esta sexta feira por asasinar o seu pai dun disparo cunha arma de fogo no municipio de Guntín. O crime tivo lugar ao redor das 15.30 horas no lugar de Martín da parroquia de Entrambasaugas, segundo veñen de traladar a Garda Civil e o servizo de emerxencias.

Ás 15.45 horas, a central do 112 recibiu unha chamada de Urxencias Sanitarias-061 para solicitar o traslado ao lugar do grupo de psicólogos especializado en intervencións en suceso traumáticos.

Segundo trasladaron fontes próximas ao caso, o suposto autor do crime, duns 40 anos, residía na casa familiar coa súa muller e os seus pais. O falecido, que morrería como consecuencia das feridas provocadas polo disparo, tiña máis de 70 anos.

A alcaldesa de Guntín, María José Gómez, mostrou a súa consternación polo sucedido hoxe no seo dunha familia que cualificou de "exemplar".