Ascenden os casos activos até os 745 na Galiza, 221 máis que hai unha semana

Un sanitario amosa unha vacina de Janssen. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

Baixan os contaxios a 54

Galiza rexistra un novo ascenso dos casos activos de Covid-19 até situarse nos 745, que supoñen 221 máis que os 524 de hai unha semana, mentres que os novos contaxios descenden a 54, que implican 19 menos que o día anterior, e os pacientes ingresados por este coronavirus mantéñense en 39. 

Segundo os datos publicados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste domingo, aumentan a nove as persoas ingresadas en UCI pola Covid -unha máis-, pero descenden a 30 as hospitalizadas noutras unidades -unha menos-, mentres que 706 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias a presión hospitalaria unicamente ascende lixeiramente na da Coruña e Cee, onde aumentan a dúas os pacientes Covid en UCI -un máis- e seguen 11 noutras unidades; e alíviase na de Ourense, na que segue un en críticos e descenden a sete os doutras unidades -un menos-. Nas outras cinco áreas sanitarias galegas non se rexistraron cambios.

Os casos activos de Covid-19 seguen en ascenso por oitava xornada consecutiva na Galiza e sitúanse en 745, que supoñen 26 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (54) que altas (28). Estes constitúen 221 infeccións activas máis que hai unha semana.

As infeccións activas ascenden en cinco do sete áreas sanitarias galegas: Vigo (+10), Ferrol (+8), Pontevedra e O Salnés (+6), Lugo (+3) e Ourense (+1); mentres que descenden en dous: A Coruña e Cee (-1) e Santiago e Barbanza (-1).

Os novos contaxios de Covid-19 principian esta semana con 54, que supoñen 19 menos que os 73 da xornada anterior, mentres que hai sete días reducíronse a 33. Até a data, o 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, Galiza inicia esta semana cun descenso ao 1,56%, tras alcanzar o 2,81% a xornada anterior.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en Galiza mantéñense en 2.653, ao non notificar tampouco esta fin de semana a Consellaría de Sanidade ningunha vítima.