A Asemblea Republicana de Vigo denuncia o rei emérito ante a Fiscalía por delito fiscal e branqueo

O presidente da Asemblea Republicana de Vigo, Celso Pazos, e o abogado Antón Beiras Cal ante a Cidade da Xustiza de Vigo. (Foto: Europa Press)
Estende a denuncia ás infantas Elena e Cristina e urxe investigar canto antes, xa que as regularizacións fiscais de Juan Carlos I prescriben nos próximos meses. 

A Asemblea Republicana de Vigo vén de presentar na Cidade da Xustiza unha denuncia dirixida ao Fiscal Xeral do Estado contra o rei emérito, Juan Carlos I, e as Infantas Elena e Cristina de Borbón, pola presunta comisión dun delito fiscal e por branqueo de capitais, en relación á constitución dunha fundación en Abu Dhabi "con fondos milmillonarios ocultados á Facenda española" para poder transferir a súa herdanza ás súas fillas.

A denuncia foi preparada polos avogados Antón Beiras Cal (tributarista) e José Luis Gutiérrez Aranguren (penalista), en representación da Asemblea Republicana, que tamén se fixo chegar á Axencia Tributaria.

Patrimonio milmillonario

Segundo explicou Antón Beiras en declaracións aos medios, Juan Carlos I realizou dúas regularizacións fiscais mediante a presentación de declaracións complementarias, unha en decembro de 2020 e outra en febreiro de 2021. No primeiro caso o importe regularizado foi de 4,4 millóns de euros, mentres que no segundo, o rei emérito afirmou ter que "pedir diñeiro prestado aos seus amigos" para pagar a Facenda.

"Agora resulta que constitúe cun patrimonio milmillonario unha fundación onde as Infantas participan no padroado", sinalou o avogado Antón Beiras, quen explicou que, ao contrario do que ocorrería cunha querela, a Fiscalía non pode inadmitila, senón que "ten que actuar de oficio".

"Para que non se 'durma' a denuncia" a Asemblea prevé contactar cos grupos parlamentarios que apoiaron a investidura de Sánchez, co fin de "presionar o Goberno" para que as actuacións de investigación se inicien "canto antes". As regularizacións fiscais do rei emérito prescriben os próximos meses de decembro e febreiro e "se non se inician as actuacións antes non hai nada que facer", explicou o letrado.

A Asemblea xa presentou unha querela no seu momento contra Juan Carlos I por delitos fiscais, pero entón a Audiencia Nacional non a admitiu "pola súa doutrina de que as querelas non se poden fundamentar en recortes de xornais, agás se van dirixidas contra Begoña Gómez", ironizou o xurista.

"Problema da cidadanía"

O portavoz da Asemblea, Celso Pazos, sinalou que "sendo republicanos", todo o que sexa "ferir" a estabilidade da institución monárquica é unha "tarefa ineludíbel". "Non podemos actuar doutra maneira", sentenciou.

Beiras Cal, ademais, puntualizou que "non é só cuestión de república e monarquía", senón un "problema da cidadanía". "Non é un escándalo? Seica un monárquico non pode sumarse a esta iniciativa? Unha fraude de 2.000 millóns de euros cometido pola máis alta maxistratura do Estado non é perseguido, pero calquera de nós pode acabar cunha multa da Axencia Tributaria", apostilou.