Así é Bágoa Atlantic, a nova variedade de chícharo galego coñecida como “caviar vexetal”

Chícharos Bágoa Atlantic. (Foto: Culler de Pau)

Este chícharo bágoa, utilizado en alta cociña, é froito de investigacións desenvolvidas pola Misión Biolóxica da Galiza.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) acaba de asinar un contrato de licenza de explotación de 'Bágoa Atlantic', unha nova variedade de chícharo bágoa froito das investigacións desenvolvidas pola Misión Biolóxica da Galiza (MBG), con sede en Pontevedra.

Agora iníciase a súa comercialización a través da empresa de agricultura ecolóxica Meilide 16, titular da empresa El Calabacín Rojo, con sede en Cerdedo (Terra de Montes) e a empresa Culler Gastronomía, titular do Restaurante Culler de Pau, situado no Grove (O Salnés) e que conta con tres estrelas Michelín.

Esta cuarta feira presentouse o acordo que é posíbel debido a que o CSIC rexistrou 'Bágoa Atlantic' na Oficina Española de Variedades Vexetais, o que permite a súa transferencia ao sector agrario e a súa comercialización.

O pasado 5 de abril de 2023 o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a orde pola que se lle concede o título de obtención vexetal a 'Bágoa Atlantic', cunha protección até o ano 2048. Así, calquera uso desta variedade protexida deberá contar co consentimento expreso do seu titular, o CSIC.

O grupo Bioloxía de Agrosistemas da MBG desenvolve desde hai máis de tres décadas investigacións sobre leguminosas, como o chícharo, nas que aborda, entre outras cuestións, a súa mellora xenética para rendemento e caracteres de calidade comercial.

Para que unha variedade vexetal poida obter o título de propiedade de obtención vexetal ten que cumprir unha serie de requisitos: que sexa nova, distinta, homoxénea e estábel.

Unha variedade “excepcional”

Segundo explicaron durante a presentación, no ano 2010, coa colaboración do chef Javier Olleros, do Restaurante Culler de Pau, a MBG iniciou unha investigación co labor de obter, tomando como base as variedades tradicionais da Galiza, algunha variedade que reunise os requisitos para a súa produción como chícharo bágoa, variedade que se utiliza en restauración de alta gama.

A nova variedade ten "excepcionais calidades sensoriais e culinarias" considerándose como o "caviar vexetal". Obtívose a partir dunha variedade local de chícharo de Monfero (Eume) sendo o gran de tamaño moi pequeno, inmaturo, con forma de "bágoa".

'Bágoa Atlantic' é unha variedade de chícharo produtiva que en cultivo experimental rende uns 1.000 quilos por hectárea de gran inmaturo.