Así cambia a tarxeta sanitaria: será virtual, máis accesíbel e válida sen demoras en todo o Estado

Os cambios na tarxeta sanitaria tamén axilizarán a atención nas farmacias. (Foto: Europa Press)
O Goberno español adapta a tarxeta sanitaria aos avances tecnolóxicos.

O Consello de Ministros vén de aprobar unha modificación do Real Decreto 183/2004 para que a tarxeta sanitaria individual (TSI) do Sistema Nacional de Saúde (SNS) teña unha versión virtual que poderá substituír completamente á física se o titular así o desexa.

Segundo informou o Ministerio de Sanidade, esta actualización ten como obxectivo principal "adaptar a normativa aos avances tecnolóxicos, estabelecendo a emisión da TSI nun formato virtual para todas as comunidades autónomas, ademais do tradicional soporte físico que vén utilizando".

Así, Sanidade sinala que esta modificación trata de "facilitar, cada día máis", o acceso das persoas aos servizos sanitarios, especialmente nos seus desprazamentos a outras comunidades autónomas, en situacións de emerxencia ou perda da tarxeta física.

Tamén apunta que evitará a necesidade de levar a tarxeta física para acceder á atención sanitaria en calquera centro do sistema de saúde e diminuirá os custos asociados á impresión e distribución de tarxetas físicas, contribuíndo á sustentabilidade do sistema.

A tarxeta sanitaria clásica xa identifica o paciente en calquera dispositivo do SNS e en calquera oficina de farmacia do Estado español. Unha interoperabilidade que Sanidade asegura que se "manterá e reforzará", xa que co formato virtual axilizarase tanto esa primeira identificación como "o desenvolvemento de servizos dixitais entre os servizos de saúde das comunidades autónomas".

Dobre formato e válida en todo o Estado

Deste xeito, permitirase a emisión da TSI tanto en soporte físico como virtual, ou en ambos, "ofrecendo flexibilidade ás persoas e adaptándose ás súas preferencias", destaca o Ministerio. A TSI, en soporte virtual, será válida en todo o SNS, como xa o é en soporte físico, mais sen papelame nin demoras, permitindo un acceso inmediato aos centros e servizos sanitarios.

Datos obrigatorios e accesorios

Ademais, con esta modificación especifícanse os datos básicos obrigatorios que deben incluírse na TSI, tanto física como virtual, "garantindo a identificación inequívoca do titular e o seu dereito á asistencia sanitaria". Tamén se enumeran datos adicionais que poderán ser incorporados, como información de contacto de emerxencias.

Accesibilidade

Desta maneira, a modificación estabelece a necesidade de adaptar a TSI ás persoas con discapacidade, "asegurando a igualdade de acceso aos servizos sanitarios para todos os cidadáns". Así mesmo, regúlanse as características técnicas da banda magnética e o código QR para "garantir a súa lectura en todo o territorio nacional, facilitando a interoperabilidade e evitando barreiras administrativas".

Braille

A nova tarxeta en formato físico incluirá no ángulo inferior dereito os caracteres en braille das iniciais de tarxeta sanitaria individual para as persoas con discapacidade visual, garantindo, así, condicións de accesibilidade universal para persoas con discapacidade.

Ano e medio para se adaptar

Por último, márcase un prazo de 18 meses para que as autoridades sanitarias e os axentes implicados na provisión de asistencia sanitaria se adapten aos novos requisitos.