Así se 'coou' na TVG a foto de Feixoo con Marcial Dorado

Alberto Núñez Feixoo e Marcial Dorado. (Foto: El País)
A TVG non emitiu o pleno do Parlamento que debateu en 2013 sobre a relación do presidente da Xunta e o narcotraficante alegando que non tiña "encaixe" na programación, mais a corporación non puido evitar que aparecese nas cámaras, da forma máis inesperada, esa fotografía.

Hai case unha década, en concreto no ano 2013, transcenderon publicamente dúas fotografías nas que se observa o daquela presidente da Xunta da Galiza —hoxe en funcións—, Alberto Núñez Feixoo, navegando nun iate co narcotraficante Marcial Dorado.

Rapidamente comezaron xurdir senllas informacións que estabelecían un estreito vencello entre ambos os dous, se ben Feixoo, ás poucas horas de saír as imaxes á luz, xustificou nun comunicado que sempre que estivera con Dorado fora por "coincidencia cun compañeiro de traballo da mocidade, e nun contexto de lecer", mais "nunca" no ámbito das súas "responsabilidades laborais", e cando aínda non fora condenado.

O presidente galego asegurou que, unha vez tivo coñecemento das actividades delitivas do contrabandista, cortou toda relación con el. Porén, o propio Dorado, nunha entrevista concedida a La Sexta en 2020, contradixo esa versión afirmando que Feixoo durmira en moitas ocasións na súa casa e a súa muller "preparáralle o almorzo". "Relacionábase moi alto e eu fuxo desas cousas. Fun eu [quen puxo distancia entre ambos os dous]", apuntou.

Mais a ampla cobertura mediática que tivo este caso a nivel estatal non se reproduciu tamén nos medios públicos da Galiza. A TVG non emitiu nin a rolda de prensa na que Feixoo deu conta deste asunto nin o pleno do Parlamento galego no que se debateu.

O director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, xustificou esta decisión alegando que esas informacións non tiñan "encaixe" na programación daquel día.

Si se abordou o tema no telexornal, se ben os grupos da oposición criticaron que a cobertura non foi suficiente. Aliás, a corporación intentou eludir a fotografía da discordia cando foi posíbel. Mais houbo unha ocasión, que agora lembran os seus 'artífices', na que saíu en primeiro plano ante as pantallas das e dos espectadores da televisión pública.

Nunha conexión en directo do programa A Revista, que estaba a cubrir as xornadas 'Xuventude Galiza Net', unha persoa 'coou' ante as cámaras a imaxe, reproducida nun ordenador portátil, de Feixoo e Dorado no iate. "Cando remataron a conexión viñéronnos chamar a atención, pero o mal xa estaba feito", lembra a través de Twitter Denís Bermúdez.