Así prevén as meteorólogas que vai ser o tempo durante o mes de agosto na Galiza

Ourense, a cidade galega onde se rexistran as temperaturas máis altas. (Foto: Nós Diario)

A temperatura media en xullo foi de 1,1 graos por riba do normal.

De cara á fin de semana volverán os avisos polas altas temperaturas.

Meteogalicia, organismo meteorolóxico dependente da Consellaría de Medio Ambiente, prognostica que a Galiza vivirá un mes de agosto seco e caloroso, após un xullo no que choveu e no que se rexistrou unha humidade algo superior á prevista, aínda que tamén, a pesar da "percepción social", foi "moi cálido" -cunha temperatura media 1,1 graos por encima do esperado-.

Xa en agosto, após unha primeira fin de semana "de praia", a meteoróloga María Jesús Souto anticipa que o próximo irá polo mesmo camiño. Esta terza feira choverá nalgúns puntos do país, pero "a partir da cuarta feira" volverá o anticiclón e, cara a finais de semana, avanzou que se esperan avisos por altas temperaturas na Galiza.

Souto compareceu ante os medios acompañada da titular do departamento autonómico de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen destacou o labor de Meteogalicia tamén desde a perspectiva de coidar a saúde, dado que abordan cuestións como a incidencia dos raios ultravioleta.

En canto a xullo, o avance do último informe climatolóxico mensual do organismo meteorolóxico reflicte que o período estivo caracterizado por tres partes ben diferenciadas. Na primeira delas, a primeira semana do mes estivo marcada por tempo seco e asollado, con temperaturas normais e en liña cos valores esperados para xullo.

Mentres, a partir do día 6 predominaron as borrascas e, por tanto, o tempo foi máis húmido e fresco do que cabería esperar neste mes. Pero a partir do 21, as xornadas víronse marcadas por situacións de sol e mesmo de intensa calor en días concretos, que obrigaron a activar o sistema de avisos por episodios de altas temperaturas en coordinación coa Consellería de Sanidade.

De feito, sinalou que o 23 foi o día máis caloroso de todo o mes, durante o cal se superaron os 40 graos en varios puntos da Galiza, sendo a máxima absoluta rexistrada os 41,8 graos alcanzados no concello de Arnoia (comarca do Ribeiro).

Por outra parte, a conselleira lembrou que xullo é o mes máis seco na Galiza, pero este ano as frontes rexistradas entre os días 6 e 20 acumularon máis auga do habitual, o que permitiu equilibrar o balance pluviométrico de todo o período.

Así, o mes pasado acabou con 3% máis de precipitacións do esperado, tendo en conta os rexistros obtidos nas estacións galegas máis representantivas no período de referencia 1981-2010, o que fai que se poida considerar un xullo dentro da normalidade en canto ás choivas, cunha media de 44 litros por metro cadrado.

En todo caso, a análise por zonas revela "unha gran variabilidade" nos distintos puntos do territorio, concentrándose as precipitacións máis elevadas na comarca de Muros (con case 162 litros/metro cadrado) e as máis baixas, nas da Limia e Terra de Lemos (que rexistraron en ambos os casos menos de 4 litros/metro cadrado).

Por último, e con respecto ás perspectivas para o mes que acaba de empezar, Vázquez tamén ratificou que os grandes centros meteorolóxicos a nivel mundial que fan este tipo de previsións (Copernicus en Europa e a NOAA en EE.UU.) están de acordo en prognosticar un agosto máis cálido e algo máis seco que a media climática.

En todo caso, na liña de Souto, coa que compareceu en Meteogalicia, precisou que as previsións estacionales "non teñen unha fiabilidade moi alta en lugares como Galiza, unha comunidade sometida a influencias cruzadas" (atlánticas, continentais europeas e africanas).

Esta conxuntura explica a alternancia de períodos cálidos e secos con outros máis frescos e húmidos, tal e como ocorreu en xullo, por exemplo.