Así será a guía que prepararon profesionais da Galiza para a atención paliativa

Cuarto dun hospital galego con dúas camas dispoñíbeis para o ingreso de pacientes. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza).
Profesionais sanitarios da Galiza foron os encargados de elaborar a 'Guía de práctica clínica sobre atención paliativa ao adulto en situación de últimos días', encargada polo Ministerio de Sanidade.

Esta guía aborda a atención á cronicidade na poboación e incide en que se deben abordar as "conversas difíciles desde o principio" con doentes con enfermidades non curábeis.

O coordinador clínico desta guía e médico de familia na Galiza, Rosendo Bugarín, destacou a "metodoloxía nova" deste documento que lle tocou "elaborar a Galiza por petición do Ministerio de Sanidade, na que inclúe a abordaxe de expertos estatais e internacionais en coidados paliativos”.

O doutor Bugarín valorou que neste documento "hai un cambio de estratexia no enfoque" dos coidados paliativos, ao ampliar a súa abordaxe en enfermos crónicos máis aló de soamente os casos oncolóxicos. Así, explicou que a "cronicidade é moi frecuente e xera sufrimento".

Por iso, considera que esta guía, que conta con máis de 200 páxinas, será "útil" tanto a profesionais de hospitais como de Atención Primaria, ademais de a pacientes e ás súas familias. De feito, ao final inclúe un anexo dunha trintena de páxinas con indicacións para familiares e achegados de pacientes en situación de últimos días de vida.

Bugarín resalta aspectos desta guía en especial no ámbito da comunicación entre familia, paciente e profesional médico co fin de "planificar de forma anticipada" e fixar "unha estratexia adecuada".

Por iso, defende que esta comunicación entre paciente, familia e profesionais sanitarios "ten que ser transparente" co obxectivo de evitar o que se coñece como a "conspiración do silencio".

Outra das novidades que achega esta guía, segundo manifestou un dos seus coordinadores clínicos, radica en que representa "unha ferramenta de traballo" para os profesionais médicos, "pero tamén achega" materiais para pacientes e as súas familias.

Participación galega

O doutor Bugarín resaltou que a participación na elaboración desta guía de coidados paliativos por encargo do Ministerio de Sanidade para distribuír a todos os territorios do Estado "é exclusivamente galega". "Síntome moi orgulloso", aseverou.

Sobre a súa elaboración resaltou que esta guía inclúe "un enfoque diferente á anterior", que abordaba os coidados paliativos de modo "máis xeral", mentres que agora está "máis centrada nesa etapa de final de vida". Sobre a súa metodoloxía, incidiu en que como novidade "é das primeiras sometidas a un proceso de exposición pública".

Sobre o contido, ademais do aspecto da comunicación, que representa un "auténtico reto en Atención Primaria", o doutor Bugarín apuntou aspectos centrados na "hidratación e a alimentación artificial", sobre o que puntualizou que "unha persoa que está ao final da vida non morre de sede nin  deshidratada", polo que alimentala de forma artificial supón, advertiu, "unha prolongación do sufrimento".