A Asociación pola Defensa da Sanidade risca de "inaceptábel" que se feche máis de 10% das camas hospitalarias

Unha muller en cadeira de rodas espera a ser atendida no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xustificou esta segunda feira a clausura de camas nos hospitais públicos galegos

A Asociación pola Defensa da Sanidade Pública considera "inaceptábel e irresponsábel" que se fechen "máis de 10%" das camas hospitalarias públicas en todas as áreas sanitarias, mentres que a espera media pode superar os 200 días desde que unha persoa enferma ata que é intervida cirurxicamente.

"Por agora, o único que lle parece interesar ao Sergas é incrementar as derivacións de pacientes a centros privados concertados", denunciou a entidade, o que para ela explica o "incremento de mortalidade evitábel rexistrada na Galiza nos últimos anos" e o aumento de seguros privados en máis de 7%.

"O sistema sanitario público non pode permitirse o luxo de funcionar a medio gas cando hai tantas persoas que necesitan atención sanitaria", incidiu.

Nun comunicado, referiuse aos datos achegados polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sobre a redución da actividade en Primaria e o feche de camas neste verán, que se dá nun contexto de "falta de persoal" de médicos de familia e pediatría, e dun "enorme incremento de poboación" pola onda de turismo estival.

Ademais, advirte do "tapón" de pacientes en lista de espera acumulada pola pandemia da Covid-19 e que, por tanto, non se compensaron cun aumento da actividade nin en consultas, nin probas diagnósticas nin intervencións cirúrxicas.

No comunicado, a entidade tamén denuncia o "incumprimento" do plan propio do Sergas para o ano 2023 para intensificar a actividade do Sergas.