Asociacións da Ribeira Sacra censuran o enfoque da candidatura a Patrimonio Mundial e reivindican a cultura ribeirá

Asociacións da Ribeira Sacra visitaron o Ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao, Terra de Lemos, durante o seu primeiro encontro. (Foto: Nós Diario).
A Federación de  Asociacións da Ribeira Sacra (Fears) apoia as mobilizacións da veciñanza pola crise da vendima e contra os recortes educativos na comarca.

Tras o I Encontro de Asociacións da Ribeira Sacra, promovido pola FEARS a pasada fin de semana, a Xunta Directiva amosouse "moi satisfeita" co resultado. Segundo traslada nun comunicado dirixido aos medios, a entidade avoga por seguir afondando na "participación social e o debate sobre os problemas reais da zona, fronte ao modelo da Xunta da Galiza, que consiste en impor un proceso xa predefinido de candidatura a Patrimonio Mundial que obvia o contexto sociodemográfico deste territorio".

Vendima

Durante a xornada tiveron espazo para o debate os sindicatos agrarios SLG e UUAA, que abordaron "a grave crise desta vendima, que ten raiceiras estruturais, sen que a Xunta poña riba da mesa medidas axeitadas". A este respecto, a federación apoia a concentración convocada esta sexta feira, 6 de setembro, en Monforte de Lemos ante o Consello Regulador da DO.

Unións Agrarias considera que a Consellería de Medio Rural logo do anuncio de mobilizacións por parte dos produtores, pero ve "moi insuficiente" a proposta avanzada esta semana polo presidente Xunta da Galiza para dar solución "á grave ameaza que sofren os viticultores da denominación de orixe Ribeira Sacra".

Para a organización agraria, dado que o tamaño medio das explotacións apenas supera os 6.000 m², a proposta da Xunta alcanzarían uns 1.000 euros para os produtores con explotación en bancais e 500 para os outros. "Unha renda insuficiente para pagar o traballo e os custos de produción de todo un ano para os 2.134 colleiteiros repartidos nas 1.310 hectáreas que acolle a DO Ribeira Sacra".

Semella que o discurso da Xunta muda segundo conveña á 'marca Ribeira Sacra', entendendo o territorio como un obxecto de consumo turístico e non como un espazo onde a cidadanía sexa a protagonista

Ensino no rural

Por outra parte, ao encontro de asociacións da Ribeira Sacra tamén asistiron representantes da Fapacel (Federación das ANPA da provincia de Lugo), con quen, "houbo coincidencia na necesidade dun plan educativo para o ensino rural e a necesidade de profesorado estábel e persoal de apoio suficiente para que as crianzas das comarcas da Ribeira Sacra non perdan dereitos educativos".

Neste sentido, Fears apoia as mobilizacións das ANPA contra os recortes educativos e a concentración que terá lugar en Sober (Terra de Lemos) tamén esta sexta feira, 6 de setembro.

Ao encontro asistiron tamén persoas directivas da Federación Miño (Ourense), da Federación de Asociacións de Valladolid e da Federación Estatal de Asociacións, que incidiron na importancia da participación veciñal á hora de conseguir servizos e dereitos para as persoas dos barrios e parroquias máis abandonados polas administracións, como é o caso da Ribeira Sacra.

Entre outros asuntos debateron sobre a ameaza de macroeólicos en territorios de importancia ecolóxica, o problema da contaminación das augas, a importancia de aumentar a participación da mocidade no asociacionismo, a necesidade de traballo asociativo específico con enfoque de xénero ou as carencias da atención sanitaria na zona.

A cultura ribeirá

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra aproveitou a visita guiada ao Ecomuseo de Arxeriz (O Saviñao, Terra de Lemos) para reivindicar a memoria da cultura ribeirá asolagada polos encoros do franquismo, en contraste co enfoque da candidatura a Patrimonio Mundial, que os ve coma un valor.

"Precisamente, o Ecomuseo de Arxeriz demostra a importancia da investigación e recuperación da riqueza etnográfica da zona. Semella que o discurso da Xunta sobre o valor da candidatura muda segundo conveña á 'marca Ribeira Sacra', entendendo o territorio como un obxecto de consumo turístico e non como un espazo onde a cidadanía sexa a protagonista", sentencia a federación.