AstraZeneca admite que a súa vacina contra a Covid pode provocar tromboses en "casos moi raros"

Unha sanitaria subtrae o contido dun vial de AstraZeneca (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
Esta afirmación por parte da farmacéutica prodúcese no marco dun proceso xudicial no Tribunal Supremo inglés.

AstraZeneca admitiu por primeira vez que a súa vacina contra a Covid-19 pode provocar efectos secundarios como tromboses en "casos moi raros", nun documento legal presentado ante o Tribunal Superior de Reino Unido en febreiro, segundo indica o xornal The Telegraph.

Esta afirmación por parte da farmacéutica prodúcese no marco dun proceso xudicial no Tribunal Supremo inglés, que ten aberta unha demanda colectiva aberta na que 51 casos de vítimas e familiares reclaman a AstraZeneca até 100 millóns de libras por danos e prexuízos polos efectos secundarios da vacina.

Un dos efectos é a síndrome de trombose con trombocitopenia, que é un coágulo nos vasos sanguíneos do cerebro, pernas ou noutra parte do corpo. AstraZeneca rexeita agora as afirmacións que recollen as denuncias mais acepta, con todo, que as súas doses "poden, en casos moi raros, causar tromboses".

Precisamente, a representación legal das persoas denunciantes argumentan que a vacina, desenvolta conxuntamente coa Universidade de Oxford (Reino Unido), "tivo un efecto devastador para un pequeno número de familias".

O caso de Jaime Scott

Un dos primeiros casos en xudicializarse foi o de Jaime Scott, quen quedou cunha lesión cerebral permanente tras sufrir un coágulo e unha hemorraxia no cerebro que lle impediu traballar despois de recibir a vacina de AstraZeneca en abril de 2021. En maio de 2023, AstraZeneca, tamén mediante resposta xudicial, contestou que non aceptaba a tese de que o caso de Scott fose causado pola súa vacina.