Até 4.000 lóstregos rexistrados na última xornada na Galiza

Lóstregos en Allariz nunha imaxe de arquivo (Foto: Brais Seara).
Segundo informou Meteogaliza, na madrugada desta terza feira (até as 8 horas) o número de lóstregos rexistrados foi de 82, con actividade concentrada no suroeste do país.

Galiza rexistrou máis de 4.000 lóstregos na xornada desta segunda feira, unha actividade que se concentrou no interior e norte do país, segundo os datos feitos públicos por Meteogaliza, dependente da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Así, nesa xornada rexistráronse no territorio galego un total de 4.312 lóstregos, a maior parte concentrados á primeira hora da tarde.

Esta actividade continuou, aínda que de forma menos intensa, nas seguintes horas.

Segundo informou Meteogaliza, na madrugada desta terza feira (até as 8 horas) o número de lóstregos rexistrados foi de 82, con actividade concentrada no suroeste do país.

Segundo as previsións deste organismo, esta terza feira Galiza está nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións.

O ceo estará parcialmente cuberto, con chuvascos repartidos irregularmente por todo o territorio e que irán remitindo conforme avancen as horas.

Temperaturas

Con respecto ás temperaturas, a mínima rexistrouse en Lugo, con 12 graos. Os valores máximos oscilarán entre os 25 graos de Ourense e Pontevedra, e os 22 graos de máxima previstos na Coruña.