Até 9.116 persoas marcharon da Galiza en seis meses

Imaxe tirada do blogue jmarior.net
Delas, 3.559 eran galeg@s e 5.557 viñeran de fóra na procura dun posto de traballo no noso país. En 2011, o 1% da poboación censada fixo as maletas rumbo a outros territorios do estado, ou a outros estados. Entrementres o goberno español e o galego desoen as recomendacións da UE para centrar a saída da crise no coñecemento

Até 9.116 persoas marcharon da Galiza entre xaneiro e xuño deste ano. Delas, 3.559 eran galeg@s e 5.557 viñeran de fóra, segundo os datos do instituto español de estatística que amosa un cambio de rumbo nos movementos migratorios, pois nese tempo saíron do estado até 23.000 persoas máis das que entraron. No conxunto estatal foron 40.000 @s que saíron ao estranxeiro na procura dun posto de traballo.

No nº5 do semanario, Semos Galiza púxolle cara ao éxodo. Dabamos máis cifras, desta volta correspondentes aos meses de 2011. O pasado ano, até 20.563 residentes no noso país emigraron a outros territorios do estado, e máis de 9.000 fixérono a outros estados, o equivalente ao 1% da poboación censada. A xente nova que marcha é a xeración mellor formada das últimas décadas.

"Cambiaría todos os meus títulos por un bo padriño". Quen así fala ten unha licenciatura e tres mestrados. Leva máis de dous anos sen traballar, a non ser en ocupacións esporádicas ou en sectores non cualificados como a hostalaría. Xabier, nome ficticio tras o que se escuda este mozo, unha das voces da reportaxe, acaba de marchar para Edimburgo cunha bolsa Erasmus de tres meses. A súa avoa paterna emigrou nos sesenta a América, o seu pai e a súa nai fixérono a Suíza, e a súa irmá, tamén con formación universitaria, marchou hai uns meses aos países nórdicos a coidar crianzas. "Meu pai tenme confesado que, de saber como serían as cousas aquí, non volvería nunca de Suíza", afirma.

"Cando ves que os meses en paro se converten en anos, que traballas un día si e tres meses non, cando observas como a situación (laboral, salarial) se vai deteriorando, que compensa máis traballar en sectores non cualificados, cando traballas e non cobras." Xabier considera que a súa formación non lle serviu para nada. O último mestrado fíxoo, de feito, para manter o tempo ocupado, non xa coa expectativa de que lle abrise novos camiños.

A cifra de persoas que trasladou a súa residencia fóra de Galiza (9.317) é a segunda maior nos últimos dez anos e a máis alta no que se refire a persoas con nacionalidade española. E probablemente, a realidade supere as estatísticas, tal e como sinala Laura Bugallo, da CIG: hai persoas que emigran que non o fan constar no Censo de Residentes Ausentes. Entrementres o goberno español e o galego desoen as recomendacións da UE para centrar a saída da crise no coñecemento, e non no cemento.