Até cando podo solicitar as becas do Ministerio de Educación e FP para estudantes?

Estudantado antes de realizar a AVAU na facultade de Psicoloxía da USC. (Foto: Arxina)
Máis de 165.000 estudantes galegos e galegas solicitaron xa as axudas desde a apertura do prazo, o pasado 30 de marzo.

Unha das principais novidades do Ministerio de Educación para o vindeiro curso 2022-23 foi o adianto do prazo para solicitar a bolsa de axudas estatal para o estudantado do Estado español. Nas anteriores convocatorias, ese prazo abría a mediados de xullo, pero agora está dispoñíbel desde o pasado 30 de marzo, e seguirá aberto até o vindeiro 12 de maio.

Nestes cinco primeiros días do prazo de solicitude de axudas para o próximo curso, xa solicitaron as axudas máis de 165.000 estudantes galegos e galegas, tanto en estudos universitarios como non universitarios.

Segundo detallou a delegación do Goberno español na Galiza, no presente curso 51.422 estudantes son beneficiarios destas axudas no noso país. Deles, 21.038 están estudando na universidade e os 30.384 restantes noutros niveis educativos.

Neste sentido, o delegado de Executivo estatal, José Miñóns, afirmou que as axudas estatais constitúen “unha das principais ferramentas para garantir a igualdade de acceso á educación e son unha das políticas educativas prioritarias do Goberno”.

Convocatoria adiantada

O Ministerio de Educación xustificou a decisión de convocar tres meses antes do tradicional as bolsas para o curso 2022-23 para que os estudantes saiban antes de formalizar a matriculación se reúnen os requisitos económicos mínimos para recibir estas axudas.

O alumnado  que queira optar a unha bolsa deberá facelo aínda non saiba o que vai estudar nin que notas obterá neste curso ou aínda que non saiba se continuará coa súa formación. Nun primeiro momento, solicitaránselles uns datos provisionais que posteriormente poderán modificar, segundo explicou o Ministerio.

Nos últimos cinco anos, o orzamento destinado as axudas do Ministerio de Educación e FP incrementouse en 45%, pasando de 1.472 millóns no curso 2017-2018 a 2.134 millóns no curso 2022-2023.

Así mesmo, tamén se incrementou o número de estudantes beneficiarios destas axudas e as súas contías, especialmente os dirixidos a persoas con menores ingresos. No curso 2017-2018 algo máis de 682.000 estudantes no conxunto do Estado español recibiron unha bolsa na convocatoria xeral, mentres que na convocatoria 2020-2021 foron máis de 790.000. A estes hai que engadir o alumnado con necesidades educativas especiais.