A atención á diversidade é "principal prexudicada" no inicio do curso, advirte a CIG-Ensino

Alumando nunha aula de Primaria. (Foto: Arxina).
O sindicato maioritario no ensino denuncia un arranque "lastrado polos recortes", con cambios de perfil de prazas que pasan a ser compartidas, minguas nos centros de atención a persoas con discapacidade psíquica gravemente afectadas (CADP) de prazas de PT e AL e negativas a cubrir necesidades esenciais.

Segundo afirma nun comunicado, as primeiras semanas do curso escolar "inzado de propaganda, mentiras e medias verdades por parte da Consellaría" están marcadas polos recortes e falta de avances na atención ao alumnado con necesidades especiais.

Así, a CIG-Ensino asegura que Educción reduciu en 80 o número de docentes de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) con destino provisional ao respecto do curso pasado, ao tempo que decidiu "non atender as necesidades de atención preferente de máis de 30 centros que así o demandaban e que a CIG-Ensino reclamou na Mesa Sectorial".

O sindicato acusa a Consellaría de "manipulación" ao "vender como un avance" a dotación de profesorado de apoio aos centros vinculada a un "autodenominado plan MEGA, que desde a CIG-Ensino xa alcumamos como Mega-Trola, ao estar vendendo como profesorado a maiores o que non é nin máis nin menos que unha parte do profesorado que se lle negou aos centros tan só dous meses antes".

Apoio educativo

Polo que se refire ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), a central nacionalista censura a xestión dos recursos propios da Administración galega e as achegas dirixidas aos centros con carácter estrutural.

"Parte dese profesorado estará vinculado a fondos finalistas que recibe da Unión Europea vía Ministerio de Educación, exactamente igual que en anos anteriores e no total non hai incremento senón redución".

Ademais, indica que das prazas adxudicadas do Plan MEGA tan só 42% delas (69) son de PT e AL, unha cifra xa de por si inferior aos recortes previos. E máis de 27% son a media xornada, "polo que o custo económico do que falamos non é xa de 69 docentes senón do equivalente a 59 salarios a xornada completa".

A este aforro, denuncia a CIG-Ensino, hai que sumarlle o derivado do recorte no tempo de duración dos contratos asociados a este plan, que se reduce do 10 de setembro ao 30 de xuño, polo que aforran un 13% da masa salarial: "Aforran cando dotan con menos docentes dos que recortaron en xuño, desatendendo as peticións dos centros".

Porén, as carencias tamén afectan á atención domiciliaria, xa que a dotación de mestres para cinco prazas "non tivo efectos até o 30 de setembro, tres semanas despois de comezado o curso".

Rede sólida de atención

A CIG-Ensino lamenta que a Consellaría de Educación non alcance os "mínimos pactados" mais tamén que non procure "avance ningún", mesmo conforme ao asinado polo presidente Alfonso Rueda e unha maioría sindical.

"Naquel acordo que cualificaron como 'de melloras' e 'histórico'” había algúns apartados que, non chegando a onde a CIG-Ensino demandaba, non deixaban de ser avances. En concreto, o cómputo dobre e triplo de alumando con discapacidade, dependencia ou trastornos de conduta era un deles. Que xa desde o mes de xuño tanto administración como sindicatos asinantes saiban que non se vai cumprir, baixo o eufemismo de 'aplicación progresiva' é un insulto ao profesorado". Unha aplicación, conclúe o sindicato,  que leva a que non se teña en conta en ningún caso nos IES e na inmensa maioría dos CEIP.

A CIG-Ensino reclama unha atención á diversidade efectiva de cara a unha "educación realmente inclusiva", que considere os informes dos Departamentos de Orientación e dos Equipos de Orientación Específicos, que regule unha dotación suficiente e con todo o persoal especialista necesario, desde Orientación a persoal coidador, pasando por mestras e mestres de AL e PT, sen desbotar a incorporación doutras figuras profesionais non docentes. Reclama "unha rede a atención á diversidade para unha educación realmente inclusiva".