Aterra en Compostela o avión cos catro galegos sobreviventes do naufraxio do 'Argos Xeorxia' en Malvinas

Chegada do avión a Compostela (Foto César Arxina / Europa Press).
Mentres tanto, os cadáveres dos mariñeiros falecidos serán trasladados a Oxfordshire, no Reino Unido, para que se lles realicen as autopsias, en cumprimento dos protocolos exixidos por parte das autoridades británicas.

Os catro sobreviventes galegos do naufraxio do pesqueiro 'Argos Xeorxia', a pasada segunda feira en augas de Malvinas, xa están en Compostela. Ás 13 horas deste domingo, o avión, fretado polo Ministerio español de Defensa para traer de volta as vítimas, tomou terra na zona militar do aeroporto da capital galega.

Alí recibíronos as súas familiares, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Blanco, entre outras persoas. Ademais, até o punto desprazáronse dúas ambulancias de Urxencias Sanitarias da Galiza-061.

A aeronave, que partiu do aeroporto de Stanley sobre as 21 horas (hora galega), continúa agora a súa ruta cara ao aeródromo de Torrexón de Ardoz, en Madrid, para levar aos outros dous sobreviventes que teñen residencia no Estado español.

Mentres tanto, os cadáveres dos mariñeiros falecidos serán trasladados a Oxfordshire, no Reino Unido, para que se lles realicen as autopsias, en cumprimento dos protocolos exixidos por parte das autoridades británicas.