Atopan o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado na contorna da praia de Samil

Praia de Samil (A.G.Liste).
Non se atoparon signos de violencia no corpo e unha das principais hipóteses coas que se traballa é que a muller decidise sacarse a vida voluntariamente.

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun aparcadoiro próximo á praia de Samil de Vigo.

Segundo fontes coñecedoras da investigación, foi na mañá desta terza feira cando un viandante alertou ás autoridades da presenza desta muller no vehículo.

Ao parecer, xa fora vista esta segunda feira polo informante no mesmo lugar, polo que esta terza feira decidiu dar a chamada de alarma.

Posíbel suicidio

Con todo, as mesmas fontes indicaron que, por agora, non se atoparon signos de violencia no corpo, explicando que unha das principais hipóteses coas que se traballa é que a muller decidise sacarse a vida voluntariamente.