Atopan explosivos no Pino un día despois da detención de Compostela, criticada por Ceivar

A Guardia Civil atribúe a Resistencia Galega os tres artefactos que localizou na xornada seguinte a encarcerar a un militante independentista nunha acción na que, segundo o organismo antirrepresivo, utilizáronse pistolas para ameazar a outras persoas presentes.

Un grupo “especializado” da Guardia Civil española atopou o que definen como “zulo” nunha zona natural do Pedrouzo, en O Pino, onde segundo a súa versión había tres artefactos explosivos. O corpo estatal asegurou decontado que pertencían “a Resistencia Galega” e mesmo que “estaban preparados para cometer ataques como o sufrido polo edificio do concello de Baralla”.

Este anuncio ten lugar un día despois da detención en Compostela de Raúl Agulheiro, que xa foi culpado polos medios de ser o responsábel do ocorrido en Baralla, usando como “indicios” a súa militancia a prol d@s pres@s independentistas. Segundo a versión de Ceivar, durante esa acción da Guardia Civil, unha persoa que se atopaba no domicilio do detido -Luzia R.- foi obrigada a pasar moito tempo no chan, sendo golpeada cunha pistola para que non se movese e recibindo ameazas verbais sobre unha suposta captura e posta en illamento que logo non se produciu.