Atopan residuos perigosos nun vertedoiro incontrolado na Coruña

Vertedoiro incontrolado no lugar de Feáns, na Coruña. (Foto: Garda Civil).
O Seprona identificou a procedencia dos restos tóxicos e ordenou a retirada do lixo acumulado no monte.

A Patrulla do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil da Coruña localizou un vertedoiro incontrolado nunha zona montañosa da localidade coruñesa de Feáns, no límite co termo municipal de Arteixo (comarca da Coruña).

Segundo informa o Seprona, o vertedoiro estaba composto "principalmente por uns 200 envases de pintura de diferentes tamaños, algúns dos cales eran considerados tóxicos e perigosos". Esta situación, apunta, xeraba "un grave impacto ambiental e un risco significativo en caso de incendio forestal".

Tras unha inspección ocular e as xestións realizadas polos axentes identificaron a orixe dos envases, procedentes do almacén dunha empresa da cidade herculina dedicada a obras de reformas.

Retirada e denuncia

Ante a gravidade dos feitos, a empresa responsábel retirou "de maneira inmediata" todos os restos abandonados no monte, "devolvendo a zona a un estado máis seguro". Con todo, a Garda Civil denunciou a compañía polo abandono destes residuos, dado que "incumpre a normativa sectorial vixente en materia de produción, posesión e xestión de residuos perigosos".

Segundo a lei, esta acción pode ser considerada unha infracción grave "sancionábel con multas de até 100.000 euros", precisa o Seprona.