Atracan unha tenda en Vigo con armas de fogo e foxen con 4.000 euros

Un axente e un vehículo da Policía española. (Foto: Policía).

O suceso tivo lugar esta quinta feira.

Tres persoas encapuchadas atracaron na tarde da pasada quinta feira unha tenda de material de construción situada na parroquia viguesa de Beade, facéndose cun botín de 4.000 euros.

Segundo fontes da Policía, os feitos ocorreron sobre as 19 horas e foron catro homes os que participaron no atraco. Só tres entraron armados no local, mentres que o cuarto quedou esperando nun vehículo roubado.

Á saída, tras facerse cun botín duns 4.000 euros, os atracadores fuxiron á carreira cara á parroquia de Bembrive, onde se desfixeron do vehículo queimándoo.

As mesmas fontes indicaron que por agora se descoñece se os atracadores utilizaron dúas ou tres armas de fogo ou se había clientes nese momento dentro do estabelecemento.

'Modus operandi'

Empregados da tenda indicaron que todo pasou "moi rápido" e que en menos de tres minutos os atracadores, que usaron escopetas recortadas, entraron e saíron co botín. "Entraron os tres xuntos, todos de negro, encapuchados e con luvas. Gritáronnos 'todos ao chan, é un atraco'. Estabamos impactados. Ao principio parecía unha broma", indicaron, explicando que dous dos homes quedaron na entrada do local e outro entrou á oficina onde estaban os responsábeis.

Alí, segundo engaden, solicitaron que abrisen a caixa forte e que metesen nunha bolsa todo o diñeiro. "Falaban correcto castelán, eran de aquí. Pero parecían aprendices. Estaban moi nerviosos, tremían. Incluso o que veu polo diñeiro apoiou a escopeta para agacharse a ver se había algo máis dentro da caixa forte. Iso sorprendeume", destacaron desde o local.

Así mesmo, indicaron que ningún traballador resultou ferido, a pesar de que nese momento había catro empregados e dous clientes. "Os que estaban noutra estancia nin se decataron", subliñaron. Tampouco se rexistraron danos. "levaron o diñeiro e fóronse moi rápido", sentenciaron. Dáse a casualidade de que o mesmo local xa sufriu un atraco hai varios anos no que os ladróns tamén levaron o diñeiro recadado.