A atracción de feira na que morreu un vigués funcionou días antes noutra festa da cidade sen autorización

A atracción na que se produciu o fatal accidente o pasado 3 de agosto en Matamá, Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O Concello afirma que non tivo "ningunha constancia, por ningún medio", da actividade da atracción nin de ningunha outra "até o fatal accidente" no que perdeu a vida o mozo de 36 anos en Matamá.

A atracción feiral —o chamado Saltónque sufriu unha avaría na madrugada do pasado 3 de agosto e causou a morte a un mozo de 36 anos durante as festas da parroquia viguesa de Matamá estivo operativa uns días antes, nas festas de Santa Ana de Beade, tamén na cidade olívica, e tamén o fixo sen autorización municipal.

Tal e como figura no expediente relativo aos festexos de Beade, que se celebraron do 25 ao 28 de xullo, a solicitude para a instalación do Saltón na contorna da igrexa de San Esteban de Beade foi denegada polo Concello debido a que resultaba incompleta a documentación achegada. Con todo, esta atracción funcionou eses días en Beade, segundo denuncia esta quinta feira o grupo municipal do PP, que sinala que se trata da mesma atracción que, pouco despois, foi instalada en Matamá, onde tamén operou sen licenza, denegada polo mesmo motivo.

Ademais, no informe-proposta do departamento municipal de Seguridade que figura no expediente das festas de Beade faise constar que "o Concello de Vigo non dispón do Plan de Inspección de espectáculos públicos e actividadaes recreativas segundo a disposición final cuarta da Lei 7/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas da Galiza", e que tampouco dispón "dos medios para a inspección e comprobación que acredite que as instalacións e montaxes reúnen as medidas necesarias de seguridade e solidez de todos os seus elementos".

Petición de información nos xulgados

No caso das festas de Matamá, nas que un dos brazos dese 'Saltamontes' se desprendeu e causou lesións mortais a un veciño da cidade, no expediente tamén figura que a instalación desta atracción non estaba autorizada.

Tras o sinistro mortal, o xulgado de instrución número 3 de Vigo abriu unha investigación e, nun oficio do pasado 5 de agosto, dirixiuse ao Concello para solicitar o expediente de autorización da atracción, "e especialmente o informe técnico da empresa externa contratada polo Concello que inspeccionou e validou dita atracción para a feira de Matamá", así como a autorización da localización da mesma.

Na súa resposta, o Concello remite copias dos expedientes da autorización da festa en xeral e desa atracción en particular, onde fai constar a denegación do permiso. Igualmente achega un informe explicativo sobre o réxime de intervención administrativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, e expón que a lei esixe que o propio interesado achega un proxecto asinado unha técnico competencia e que designe ao técnico que asuma a responsabilidade da montaxe.

Finalmente, a Administración municipal sinala que a falta de documentación desa atracción quedou acreditada no expediente "con constancia fidedigna do interesado", e explica que a autorización de ocupación do solo público "coas incidencias das atraccións" foi comunicada á Policía, á vez que admite que non tivo "ningunha constancia, por ningún medio", da actividade da atracción nin de ningunha outra "até o fatal accidente no que perdeu a vida o mozo que viaxaba no Saltamontes".