A sección segunda da Audiencia de Pontevedra desestimou os recursos interpostos polas familias e vítimas do accidente de autobús ocorrido en Noiteboa de 2022 na N-541, en Cerdedo-Cotobade, que deixou sete persoas falecidas. Desta maneira ratifica a decisión do xulgado de instrución 1 de Pontevedra de arquivar a causa contra o condutor do autocar.
Segundo recolle nun auto do pasado 20 de setembro, a Audiencia expón que, atendendo á xurisprudencia, non se pode determinar a existencia de indicios de que a condución do chofer poida cualificarse como imprudencia grave ou menos grave. Por tanto, non se pode falar de homicidios por imprudencia grave ou menos grave.
A respecto diso, sinala que "a condución non pode ser cualificada de absoluta falta de previsión nin desprezo á norma" e matiza que, segundo os informes, "calquera velocidade superior á media" sería considerada unha imprudencia grave. En todo caso, engade, estaríase ante unha omisión dun deber de cautela e precaución medianamente exixíbel nas circunstancias, é dicir, a "atención normal propia da condución".
Velocidade
Por outra parte, o tribunal tamén coincide co xulgado de instrución en que non se pode estabelecer a velocidade á que circulaba o bus no momento exacto no que tivo o accidente, que saíu da vía caendo á canle do río Lérez.
Aínda que se coñece que o vehículo circulaba a 90 km/h uns 800 metros antes do sinistro, tamén se sabe que a velocidade media do mesmo desde a última parada foi de 66 km/h, polo que o condutor variou a súa velocidade. Nese sentido, apunta que o informe pericial da Garda Civil, que atribuía o accidente a un exceso de velocidade, fai unha valoración "especulativa" desa velocidade.
En atención a estas cuestións, a Audiencia resolveu desestimar o seis recursos presentados e confirmar o auto do xulgado de instrución de Pontevedra o pasado 10 de xuño, que acordou o arquivo das actuacións. Contra a resolución da Audiencia non cabe recurso ordinario.