Xustiza

A Audiencia Nacional prorroga seis meses máis a investigación do naufraxio do 'Vila de Pitanxo'

Homenaxe aos mariñeiros falecidos do 'Pitanxo' o pasado 17 de febreiro, en Marín. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O xuíz Ismael Moreno alega que aínda está pendente "a práctica de dilixencias esenciais para un maior esclarecemento dos feitos".

O titular do Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional, Ismael Moreno, acordou prorrogar seis meses máis o prazo ordinario de instrución para concluír a investigación do naufraxio do Vila de Pitanxo. O maxistrado tomou esta decisión, segundo figura no auto, ao non practicarse determinadas dilixencias acordadas nas actuacións interesadas a instancia do Ministerio Fiscal e outras partes.

"Como é a emisión dun informe pericial que está a levar a cabo a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos, a práctica de varias declaracións testemuñais, así como aqueloutras dilixencias que poidan derivarse das anteriores relevantes para o esclarecemento dos feitos", expón.

Por iso, prorroga por outros seis meses o prazo ordinario de instrución, que finalizaba o próximo 2 de setembro. Faino, recalca, "ao atoparse pendente a práctica de dilixencias esenciais para un maior esclarecemento dos feitos".

Apoio das familias

En relación á decisión, a portavoz das familias das vítimas, María José de Pazo, manifestou que xa contaban con esta ampliación por parte do xuíz. "Aínda faltan dilixencias e a investigación ten que ser o máis completa e sólida posíbel para obter nun futuro unha sentenza que faga xustiza, que é o que sempre pedimos e o que estamos a esperar", indicou esta sexta feira, en declaracións remitidas aos medios.

"Sabemos os prazos que marcan os procedementos penais e legais e estamos á espera, pero o que si que esperamos é que esta prórroga sexa xa a última e que se decrete a apertura do xuízo oral", engadiu.

O naufraxio

O pesqueiro galego naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. Durante a instrución, o xuíz tomou declaración o patrón do pesqueiro, Juan Padín, en calidade de imputado; ao seu sobriño, Eduardo Rial, e mais ao mariñeiro Samuel Kwesi, ao seren os únicos sobreviventes do naufraxio.

Segundo a armadora, o barco afundiu polos golpes de mar que o escoraron, despois de sufrir unha parada no motor principal durante unha manobra de virada do aparello.

Mentres, dous mariñeiros que formaron parte da tripulación do Vila de Pitanxo en mareas anteriores ao seu naufraxio en febreiro de 2022 aseguraron na Audiencia Nacional que nunca realizaran simulacros de incendios nin de evacuación e que apenas tiñan descansos durante a xornada laboral.