Xustiza

Un ex senador do PSOE, ao banco dos acusados con Villarejo polo encargo dun fabricante de deterxentes

O ex comisario José Manuel Villarejo, á súa saída da Audiencia Nacional na vista do pasado 31 de xullo para valorar a súa entrada en prisión provisional e mais do seu socio, Rafael Redondo, após recibir a primeira condena por'Tándem'. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Foi o pasado mes de xullo cando o titular do Xulgado Central de Instrución Número 6 propuxo xulgar o comisario xubilado, o seu socio Rafael Redondo e mais o ex senador socialista pola presunta comisión de delitos de suborno e revelación de segredos no marco do 'Proxecto Saving'.

A Audiencia Nacional vén de ratificar o procesamento do agora comisario xubilado José Manuel Villarejo, o seu socio Rafael Redondo e o ex senador do PSOE Francisco Rodríguez Martín polo suposto encargo realizado para o fabricante sevillano de deterxentes Persán SA. Nun auto difundido esta segunda feira, a Sala do Penal desestima o recurso interposto polo ex dirixente socialista e confirma na súa totalidade a decisión do xuíz encargado da instrución da macrocausa 'Tándem', Manuel García Castelló.

Foi o pasado mes de xullo cando o titular do Xulgado Central de Instrución Número 6 propuxo xulgar os tres pola presunta comisión de delitos de suborno e revelación de segredos en relación ao coñecido como 'Proxecto Saving'. O maxistrado defendeu entón que xurdiu "como resultado das dificultades que os responsábeis do Grupo Persán e, concretamente, José Moya Sanabria, apoderado da devandita empresa, estaba a atopar para a reclamación dun recoñecemento de débeda relacionado con Fernando Martín e co grupo Martinsa-Fadesa, que este último presidía".

"A ocasión de negocio xurdiu no verán de 2011, cando José Moya Sanabria, a través dun intermediario chamado Francisco Rodríguez Martín, coloquialmente denominado en todas as reunións e documentos como 'Curro', efectuou un encargo ao entón comisario do Corpo Nacional de Policía, en servizo activo, José Manuel Villarejo, e o seu socio, Rafael Redondo, para acometer o denominado proxecto", apuntaba o maxistrado.

Na súa resolución, o xuíz indicaba que do exame da documentación intervida "púidose saber que a colaboración profesional foi solicitada formalmente nunha reunión mantida o día 21 de xullo de 2011, coa intención de mellorar a posición xurídica e negociadora de Persán como consecuencia da denominada operación Fadesa".

A compra de accións

Esa operación, formalizada mediante un contrato que foi subscrito en decembro de 2007, concedía a José Moya Sanabria un dereito de opción de venda fronte a Fernando Martín sobre un paquete de accións de Martinsa, sendo a opción de venda, exercitada por Moya en maio de 2010. "O contrato fixaba o prezo de venda de acordo con a cotización media das últimas 24 sesións de cotización das accións de Martinsa-Fadesa. Estando así as cousas, en xullo de 2008, Martinsa-Fadesa decretou a suspensión de pagos instando poucos días máis tarde, perante o xulgado número 1 da Coruña, a declaración de concurso voluntario de acredores", recollía o auto.

O mesmo sinalaba que "a citada compra de accións realizada en contrato privado por parte de José Moya foi ocultada por Fernando Martín, en concurso de acredores desde xullo de 2008, á administración concursal, non figurando por tanto como acredor no procedemento concursal seguido" polo citado Xulgado "e no convenio que foi subscrito como consecuencia do devandito procedemento". "Esta situación determinou a formulación de diversas demandas coa intención de impugnar o convenio subscrito polos acredores, así como para estabelecer unha contía determinada da débeda que tiña ao seu favor, recibindo resultados negativos en todos e cada un deles", aseguraba o xuíz.

Tres fases

Neste contexto, o maxistrado apuntaba que o 'Proxecto Saving' habería de executarse en tres posíbeis fases. "En primeiro termo, atendíase a recuperación do status xurídico de José Moya, en segundo lugar atendíase a que se dispuxese de capacidade negociadora para beneficiar os intereses do propio Moya, e por último, cobrar ou deixar de aparecer como debedor ante a CECA en razón a unha suma importante de diñeiro, cifrada en 1000 millóns de euros", detallaba o maxistrado.

Por último, o instrutor constataba que no desenvolvemento do encargo CENYT —o grupo empresarial de Villarejo— accedeu a "información reservada, obrante en bases de datos de acceso restrinxido, o que se realizou" polo agora comisario xubilado e o seu socio. "En concreto, localizáronse listaxes de tráficos de chamadas telefónicas, tanto entrantes como saíntes, pertencentes a tres persoas que se investigaron no 'Proxecto Saving'", engadía.

Esas persoas, concluía o auto, eran o presidente de Ahorro Corporación, Antonio Fernández López; Álvaro Lobato, que actuara como letrado de José Moya no procedemento concursal de Martinsa-Fadesa, e Victoriano López, director xeral de Ahorro Corporación.